Adega critica que o BIC para a Cova de Eirós estea delimitado “á medida da canteira” que traballa na zona

Insta o Concello de Triacastela a elaborar un Plan Especial de Protección do xacemento arqueolóxico e da súa contorna.

A catalogación da Cova de Eirós como Ben de Interese Cultural (BIC) é un paso adiante mais un paso insuficiente. Así o considera Adega, que informa que a  Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta admitiu só dúas das achegas do colectivo, relativas á consideración de BIC na categoría de “Xacemento arqueolóxico”, no canto de “Monumento”, e aos riscos sísmicos aos que se puidesen ver expostas as cavidades incluídas no BIC.

 

A asociación valora positivamente o cambio de categoría do BIC por canto a Xunta recoñece que “a categoría de monumento podería non abranguer a totalidade dos aspectos relevantes e sobranceiros que deben ser protexidos”, conferindo así un rango máis amplo de protección sobre o conxunto dos seus valores (arqueolóxicos, artísticos, paleontolóxicos, históricos e patrimoniais). Porén, considera insuficiente o réxime de protección específico establecido para o BIC e, en especial, a delimitación da área de protección integral finalmente aprobada.

 

Así, lamenta que non se establecen restricións maiores para o uso de explosivos da actividade mineira arredor da Cova Eirós, mantendo os parámetros de control e monitorización das voaduras que ata agora rexeron e que son, ao entender de Adega, “totalmente insuficientes para garantir a integridade e preservación integral do xacemento”.

 

Con respecto á delimitación da área de protección integral, no lado sur da ladeira do monte Penedo, esta fica a tan só 50 metros da zona de explotación mineira de Cementos Cosmos S.A., o que non evitaría que no futuro a canteira puidese seguir avanzando cara ao xacemento declarado BIC. “Así pois, a Consellaría de Cultura rexeitou o requirimento de ampliar aos 200 metros a zona de protección do BIC que se atopa máis achegada á canteira, favorecendo os intereses lucrativos da mineira sobre a preservación do xacemento”.