Un erro nunha pregunta da ABAU “flexibilizará” a corrección do exame de Historia de España

Exames da selectividade na Facultade de Comunicación da USC. (Foto: Arxina)

O primeiro día de selectividade decorreu "con normalidade" salvo pequenas incidencias, como alumnos ‘cachados’ copiando en Ourense e Santiago.

A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG), entidade encargada da organización da selectividade, publicou unhas directrices que flexibilizan os criterios de corrección do exame de Historia de España, decorrido na mañá da terza feira, por un pequeno erro á hora de ordenar os textos propostos para elaborar unha composición.

A última pregunta desta proba que comezou ás 10 horas da mañá do primeiro día da ABAU (Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade), pedía ao alumnado unha composición sobre a Transición. En concreto, falar sobre "a política reformista de Adolfo Suárez, os principais obstáculos aos que se enfrontou e os resultados das eleccións de 1982".

Máis aló de que a cuestión mesturaba distintos temas da materia, a confusión que suscitou queixas dalgúns centros tiña que ver coa orde dos dous últimos textos propostos para facer a composición, segundo explican fontes da CiUG.

Así, o segundo documento era un fragmento sobre o 23-F extraído un libro do ex presidente Leopoldo Calvo Sotelo publicado en 1990, mentres que o terceiro correspondíase cun anaco dunha entrevista da avogada Cristina Almeida, publicada en 2016, pero falando sobre o resultado do PCE nas primeiras eleccións xerais.

A polémica non é tanto a orde cronolóxica de publicación de ambos os textos (1990 e 2016), senón o do contido ao que fan referencia, posto que o intento de Golpe de estado foi en 1981 e os primeiros comicios foron en 1977.

A opcionalidade que permiten os exames desde a irrupción da pandemia da Covid-19 (en Historia, hai que responder dúas das cinco propostas) propiciou que houbese alumnos  e alumnas que, ante a confusión, optasen por riscalo todo e cambiar de pregunta no medio da proba.

Neste contexto, o grupo de traballo desta materia para a ABAU xa explicou que se enviará aos correctores e ás correctoras unha flexibilización dos criterios para que teñan en conta este fallo de secuencia temporal. Fontes da CiUG destacan que foi unha "pequena confusión" e que, como outras cuestións menores que poden ocorrer en cada exame, "reaccionouse rapidamente".

"O grupo de historia xa colgou os criterios de corrección asumindo que, se ese enunciado conduce a todo tipo de resposta, daranse todas como positivas", explican as mesmas fontes, asumindo que sempre pode haber "diferentes interpretacións" dos enunciados.

Alumnos que tentaron copiar

Outras incidencias menores, que non quitan que a ABAU 2023 estea a desenvolverse "con normalidade", recalca a CiUG, pasan pola detección de alumnos tentando copiar. Polo menos, coñécense até o de agora dous casos correspondentes á primeira xornada: un en Santiago de Compostela cun reloxo intelixente e outro en Ourense, cun dos tradicionais ‘lembretes’. En ambos os casos, tal e como recolle o protocolo, os alumnos foron expulsados da aula e suspenden a selectividade enteira.

Cabe lembrar que este ano se retomou o uso de detectores de frecuencias para interceptar dispositivos tecnolóxicos activos nas aulas, polo que a CiUG lembra ao alumnado que o máis conveniente é que se manteñan apagados durante os exames.

A ABAU retomouse esta cuarta feira pola mañá coas materias de Lingua Galega e Literatura II e Primeira Lingua Estranxeira, a elixir entre inglés, francés, alemán, portugués e italiano. Pola tarde, desde as 13 horas, decorren as probas doutras materias, xa optativas.