"Non aturamos máis". Erguer convoca unha folga estudiantil para o próximo 25 de abril

Presentación da folga do 25 de abril por parte de Erguer (Foto: Erguer. Estudantes da Galiza).
A campaña de folga estenderase durante todo o mes de marzo e abril, segundo indican desde Erguer, e culminará coas mobilizacións que se convocarán en distintas cidades e vilas do país o propio 25 de abril.

Erguer. Estudantes da Galiza presentou na mañá desta quinta feira a súa campaña de folga para o próximo 25 de abril, baixo o lema ‘Das aulas ás rúas, pola defensa do noso ensino!’.

A campaña de folga estenderase durante todo o mes de marzo e abril, segundo indican, culminando coas mobilizacións que se convocarán en distintas cidades e vilas do país o 25 de abril.

“O noso obxectivo é o de organizar o estudantado e devolverlle a capacidade mobilizadora que sempre tivo. Dar unha resposta colectiva ás normas educativas que se aproban sobre nós e saír en defensa do ensino público. Porque a educación é un dereito e temos que defender, é preciso que saiamos xuntas ás rúas e reivindiquemos os nosos dereitos’’ sinalou Artai Gavilanes, Responsábel Nacional de Organización de Erguer.

Privatización do ensino

A organización estudantil denunciou os constantes ataques que está sufrindo a educación pública na Galiza nos últimos anos.

“Sobran os motivos. O estudantado non atura máis esta situación de constante avance do sector privado sobre o noso dereito á educación e debemos estar aí para defender os nosos intereses. Esta defensa comeza por baleirar as aulas e encher as rúas este 25 de abril”, declarou Gavilanes. ‘‘Estamos ao límite, levamos anos sufrindo reformas da educación, a todos os niveis, que nos prexudican’’, acrecentou.

‘‘Levamos anos vendo como se fomenta a FP dual, que non é máis que a privatización encuberta da Formación Profesional (FP). Creada para xerar man de obra aínda máis barata e que retrocede en dereitos para as estudantes en prácticas’’ denunciou Gavilanes.

‘‘En canto ao ensino medio dende a LOMCE a agora LOMLOE perpetúase un sistema elitista que favorece os centros concertados e privados e que afasta as estudantes do galego”, engadiu.

En canto á LOSU, o Responsábel Nacional de Organización de Erguer sinala que foi “aprobada de maneira antidemocrática e de costas ao estudantado nos últimos días, deixa unha universidade subordinada ás exixencias do mercado e permitindo a intromisión da empresa privada na universidade pública, limita os dereitos do estudantado, e deixa fóra cuestións como a lingua, as prácticas remuneradas ou o acceso á universidade”, concluíu.

Lei Galega de Educación

Desde Erguer sinalan que a “única” solución para garantir un sistema educativo que se adapte ás necesidades do estudantado galego é a aposta por unha Lei Galega de Educación.

“O ensino no noso país é profundamente desgaleguizador e colonial”, denunciou Gavilanes ao tempo que manifestou que “unha Lei Galega de Educación deseñada pola comunidade educativa é a oportunidade para construír un modelo distinto, pensado por e para as estudantes galegas”.