Ciencia

Un equipo científico descobre un obxecto estelar que emite ondas de radio cada 22 minutos

Unha recreación de GPM J1839-10 (Foto: International Centre for Radio Astronomy Research).
Debido ás súas características, os científicos sospeitan que o obxecto é un magnetar de período ultralongo, un tipo raro de estrela de neutróns con campos magnéticos billóns de veces máis fortes que os terrestres e capaces de producir potentes estalidos de enerxía.

Un equipo de astrónomos de varios países do Centro Internacional de Investigación Radioastronómica (ICRAR, polas súas siglas en inglés) descubriu un novo tipo de corpo celeste con campos magnéticos extremadamente fortes "que desafía a nosa comprensión da física das estrelas de neutróns", informou a Universidade de Curtin (Australia).

De acordo á institución, o obxecto denominado GPM J1839-10, situado a 15.000 anos luz do noso sistema solar na constelación de Scutum, foi descuberto co radiotelescopio Murchison Widefield Array (MWA), situado no interior do Estado de Australia Occidental.

Debido ás súas características, os científicos sospeitan que o obxecto é un magnetar de período ultralongo, un tipo raro de estrela de neutróns con campos magnéticos billóns de veces máis fortes que os terrestres e capaces de producir potentes estalidos de enerxía.

Unha estrela única

Segundo detallan os científicos nun artigo publicado na revista Nature, o GPM J1839-10 emite refachos de ondas de radio que duran até cinco minutos cada 22 minutos, e iso convérteo no magnetar con períodos de emisión de enerxía máis longos que se detectou.

A autora principal da publicación, Natasha Hurley-Walker, explicou que os primeiros rexistros das ondas emitidas polo magnetar remóntanse ás observacións feitas en 1988 polo Radiotelescopio Xigante de Ondas Métricas da India e o radiotelescopio estadounidense Very Large Array.

Con todo, apuntou a experta, pasou desapercibido e "oculto nos datos durante 33 anos" xa que os científicos naquela época non esperaban atopar un obxecto parecido mentres escudriñaban o ceo.

Para a investigadora, unha das características máis significativas desta estrela de neutróns é que, a pesar de que vira sobre o seu propio eixo demasiado lento, emite ondas de alta enerxía. "Supondo que sexa un magnetar, non debería ser posíbel que este obxecto producise ondas de radio. Pero estamos a velas [...] e non estamos a falar dunha pequena emisión de radio", comentou.

Así mesmo, apuntan os autores, o descubrimento do GPM J1839-10 podería revolucionar as teorías que explican a física das estrelas de neutróns e expón novos interrogantes sobre a formación e evolución dos magnetares.