Un equipo científico descobre unha proteína que protexe contra a obesidade

Un equipo científico descubriu unha proteína que protexe contra aobesidade (Foto: Kritdanai / Adobe Stock).
"O noso estudo identifica as células inmunitarias e a RELMalpha como causantes destas diferenzas específicas por sexo na resposta inmunitaria á obesidade", explica Meera G. Nair, líder da investigación, que se publicou na revista científica 'eLife'.

A obesidade, asociada a unha peor saúde mental e unha menor calidade de vida, vai en aumento en todo o mundo. Factor de risco de varias doenzas, entre elas a diabetes, as enfermidades cardiovasculares e a Covid-19, a obesidade é un importante e crecente problema de saúde pública.

Utilizando un modelo de rato de obesidade inducida por unha dieta rica en graxas, un equipo de científicos da Universidade de California en Riverside (EUA) descubriu que, en comparación cos machos, os ratos femia están protexidos contra a obesidade e a inflamación porque segregan máis cantidade dunha proteína inmunitaria chamada RELMalpha.

"O noso estudo identifica as células inmunitarias e a RELMalpha como causantes destas diferenzas específicas por sexo na resposta inmunitaria á obesidade", explica Meera G. Nair, líder da investigación, que se publicou na revista científica eLife.

As RELM, ou moléculas similares á resistina, constitúen unha familia de proteínas segregadas por mamíferos que se expresan en gran medida en enfermidades infecciosas e inflamatorias. Unha destas proteínas, RELMalpha, actívase rapidamente no corpo do rato tras unha infección e serve para protexer os tecidos do organismo. A súa secuencia e función son similares ás da resistina humana.

"RELMalpha regula dous tipos de células inmunitarias: os macrófagos antiinflamatorios e os eosinófilos", explicou Nair. Os macrófagos e os eosinófilos son tipos de glóbulos brancos que combaten as deonzas, pero poden ser prexudiciais para o organismo en ausencia de infección. "En cambio, os homes expresaban menos RELMalpha, tiñan menos eosinófilos e presentaban macrófagos inflamatorios que favorecían a obesidade", precisou.

Cando os investigadores suprimiron RELMalpha en ratos femia, descubriron que os ratos xa non estaban protexidos fronte á obesidade, tiñan menos eosinófilos e presentaban macrófagos inflamatorios, de forma similar aos ratos macho.

"Con todo, puidemos reducir a obesidade nestes ratos femia tratándoos con eosinófilos ou con RELMalpha, o que suxire prometedoras dianas terapéuticas. Somos os primeiros en cartografar esta vía en femias que protexe contra a obesidade", detallou Nair.

Diferenza por sexo

O equipo de investigación descubriu que a deficiencia de RELMalpha tamén tiña efectos significativos nos machos, pero en menor medida que nas femias.

"Nos nosos experimentos, os ratos femia tiñan niveis máis altos de RELMalpha que os machos, o que probabelmente explica por que a deficiencia de RELMalpha afectaba máis as femias que os machos. As implicacións do noso estudo son que a consideración das diferenzas de sexo é fundamental para abordar enfermidades metabólicas como a obesidade", apuntaron os investigadores.

Segundo Nair, o estudo é novo ao mostrar un papel non recoñecido previamente de RELMalpha na modulación das respostas metabólicas e inflamatorias durante a obesidade inducida pola dieta que depende do sexo.

"Os nosos resultados poñen de relevo a existencia dun "eixo RELMalfa-eosinófilos-macrófagos" crítico que funciona nas mulleres para protexelas da obesidade e a inflamación inducidas pola dieta. Por tanto, o fomento destas vías podería proporcionar novas terapias para combater a obesidade", remachou o científico.