Os eólicos poñen ao bordo do feche o observatorio astronómico de Forcarei

(Foto: Concello de Forcarei)

A construción de catro megaparques nas súas proximidades fan dificilmente viábel a súa continuidade. “As turbulencias que provocan as correntes de aire, alteradas polas xigantescas turbinas dos aeroxeradores, cuxo  perturbador efecto nótase a varios quilómetros de distancia, fan que a calidade da visión se reduza notabelmente”.

O Observatorio Astronómico de  Focarei, que se puxo en andamento en 2008 a través da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura e que colabora permanentemente coa Universidade de Vigo (Uvi) ten ameazada a súa continuidade. E a ameaza non vén do ceo senón da terra, da construción de catro parques eólicos nas súas inmediacións.

É a denuncia que se fai desde a asociación Astronómica de Vigo: “A construción de catro megaparques eólicos nas súas proximidades fan dificilmente viábel a súa continuidade como observatorio”, lamentan.

Explican que “as turbulencias que provocan as correntes de aire, alteradas polas xigantescas turbinas dos aeroxeradores, cuxo  perturbador efecto nótase a varios quilómetros de distancia, fan que a calidade da visión se reduza notabelmente”.

Para un Observatorio astronómico, lembran, “é fundamental a transparencia e estabilidade do aire da contorna, e por iso escolleuse no pasado esa localización, nun sitio relativamente elevado, lonxe das luces urbanas”.

Na contorna próxima ao Observatorio Astronómico van colocar uns quince aeroxeradores de até 150 metros de altura, situados en catro parques eólicos. Isto tamén provoca unha pantalla visual, facendo imposíbel a necesaria calidade da visión en determinadas direccións, vital para poder realizar fotografías astronómicas

Esta instalación leva desde 2008 sendo un lugar de observación de astros e  meteoros. Realizáronse eventos, como a observación de choivas de  meteoros, por exemplo as  perseidas, sobre todo en noites de verán.

“Co seu telescopio realizáronse un grande número de observacións e fotografías de galaxias, supernovas, cúmulos estelares, cometas,  meteoros e meteoritos. Nos últimos anos púxose en marcha un proxecto de seguimento de  meteoros dentro da Rede mundial de meteoritos, que ofrece prometedores resultados neste ámbito”.

A distancia á que van colocarse as torres dos aeroxeradores, nalgúns casos, é de menos de 800  metros, o que afecta de forma notábel á observación, sinala a asociación astronómica viguesa.

“Na contorna próxima ao Observatorio Astronómico van colocar uns quince aeroxeradores de até 150 metros de altura, situados en catro parques eólicos. Isto tamén provoca unha pantalla visual, facendo imposíbel a necesaria calidade da visión en determinadas direccións, vital para poder realizar fotografías astronómicas”.

Outro problema, engaden, son as luces led que se colocan no alto das torres e estacións eléctricas, coa xeración de escintileos visuais, que tamén dificultan a realización de fotografías, pola intromisión de luces  parásitas.

“A noite ten un valor que se está perdendo, parece que se quere acabar con ela. A observación nocturna do firmamento é algo que se está volvendo cada vez máis difícil”.