Os eólicos favorecen o despoboamento rural

Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla)
A perda de poboación é unha constante en todos aqueles concellos de alta concentración eólica. Segundo sinalan diversas investigacións realizadas en diferentes universidades do Estado, as instalacións de produción de enerxía renovábel favorecen estas tendencias. A OCDE advirte do escaso emprego directo e indirecto xerado polos parques eólicos. A Galiza baleira é un bo exemplo disto. 

Muras é unha das capitais do sector eólico na Galiza. O concello, localizado en plena Serra do Xistral, conta con 15 parques eólicos, 381 muíños e unha potencia instalada de 481 megavatios. O municipio, un dos pioneiros na xeración desta fonte de enerxía desde comezos da década dos 90, non deixa de ver como mingua a súa poboación desde aquela altura. Tanto é así, que nos últimos 35 anos ten perdido máis da metade da súa poboación, pasando de 1289 habitantes en 1996 a 619 en 2020.

O veciño concello de Ourol presenta moitas similitudes con Muras. Situado tamén na Serra do Xistral, unha área moi desexada polas eléctricas pola potencia dos seus ventos, dispón de instalacións de xeración eólica desde comezos dos anos 90, xogando naquel momento o Goberno local un papel moi activo na promoción deste tipo de iniciativas, presentadas como chave no desenvolvemento local. 25 anos despois do emprazamento do primeiro parque eólico, Ourol rexistra 995 veciños, reducindo a súa poboacións nas últimas dúas décadas en 562 persoas e presentado unha das taxas de envellecemento máis elevadas do país.

O despoboamento rural

A historia de Muras e Ourol repítese na practica totalidade dos concellos galegos e do Estado considerados como pioneiros na xeración de enerxía eólica e que dispoñen dun importante número de parques para a súa produción. A este respecto, un estudo dirixido pola profesora do departamento de Análise Económico da Universidade de Zaragoza, Rosa Duarte conclúe que “proxectos deste tipo acentúan os procesos de despoboamento”. A realidade testada polo equipo de investigadores dirixido por Duarte, coincide cos dados fornecidos para o País Valencià nun traballo elaborado pola Universitát de Valencia, onde se sinala que “o 90% dos concellos con parques eólicos perderon poboación”.

Os beneficios dos proxectos eólicos para o desenvolvemento rural e o emprego son cuestionados desde diversos ámbitos. Sen ir máis lonxe, a Organización para o Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) sinalou no seu informe de 2012 que “a xeración de enerxía renovábel é unha actividade altamente intensiva en capital, polo que o emprego directo que crea e o multiplicador asociado é moi baixo”. Unha opinión semellante, defendeu o profesor da Universitat Rovira i Virgilli, Sergie Saladié i Gil, quen nunha recente comparecencia no Senado significou que o “impacto en emprego é testemuñal”. 

‘Hai pouco impacto económico e hai nulo impacto laboral’

“Se hai pouco impacto económico e hai nulo impacto laboral, isto tradúcese en que aqueles problemas estruturais que ten o mundo rural e que teoricamente este tipo de instalacións viñan solucionar, vemos con datos na man e ao cabo duns anos de poder avaliar ese modelo, que iso non se está cumprindo”, apunta Saladié i Gil, quen critica que “as enerxías renovábeis están a concentrarse en determinados territorios, para facer que só estas zonas carguen cunha parte importante da transición enerxética, e isto produce procesos de concentración territorial, chegando á masificación destas tecnoloxías nun determinado punto”.

A investigación coordinada pola profesora, Rosa Duarte, sostén a mesma tese. Así, recolle que “a maior fonte de creación directa de emprego concéntrase nas etapas de instalación e construción dos proxectos, período cun claro compoñente de curto prazo e que non implica necesariamente un cambio estrutural cualitativo como o que precisan moitas das zonas rurais periféricas e en declive”. Ao tempo, mantén que naquelas zonas altamente produtoras de enerxía de orixe renovábel non se dan “cambios significativos nas actividades ligadas ás manufacturas asociadas ás renovábeis” e destaca que as fábricas de pezas ou muíños eólicos non adoitan situarse nas súas proximidades. 

Os propios dados achegados pola Asociación Eólica da Galiza veñen confirmar estas posicións. O informe de Impacto económico e social do sector eólico na Galiza, elaborado en 2020 pola consultora Deloitte para a patronal eólica, afirma que “un megavatio de potencia xera 3,7 empregos durante a fase de construción e 0,2 empregos en actividades de operación e mantemento durante a súa explotación e mantemento”. Porén, a cantidade de persoas ocupadas en labores de mantemento é aínda inferior, porque a practica totalidade destes traballos están subcontratados a compañías que desenvolven estes labores en diferentes parques. Nese sentido, Duarte advirte dun “modelo de negocio recorrentes en externalizacións e subcontratas que buscan unha optimización duns recursos humanos moi móbiles e deslocalizábeis”.

A historia dos encoros repítese

Os estudos realizados sobre o impacto dos encoros na Galiza teñen sinalado a súa incidencia negativa no despoboamento das comarcas afectadas. A deste respecto, a practica totalidade das investigacións poñen o foco no alto valor agrario das terras anegadas, as máis fértiles para determinadas producións de zonas de ribeira. A historia dos encoros repítese cos eólicos.