Os eólicos que ameazan as paisaxes de Pondal

Asociacións ambientalistas e veciñais denuncian o proxecto eólico do monte Salgueiras. “O impacto paisaxístico e ambiental é brutal e sin precedentes na historia do plan sectorial eólico da Galiza”, alertan

 

O proxecto eólico do monte Salgueiras afecta as paisaxes Pondalianas (ría Corme -Laxe, Balarés, esteiro do Anllóns, Cantís do Canteiro, Brañas de Brandomil e Monte Branco). É impulsado pola mercantil Norvento, S.L e prevé a instalación de 6 aeroxeneradores cun total de 18 MW. A menos de 2 quilómetros ubícase o parque eólico de Corme G -3, en funcionamento.

“O impacto paisaxístico e ambiental é brutal e sin precedentes na historia do plan sectorial eólico da Galiza”, advirten varias asociación e colectivos: Rede Galega por un Rural Vivo (CIG, Adega e Fruga), Ecoloxistas en Acción Galicia, Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, Asociación galega Cova Crea, Asociación O Ouriol do Anllóns 

“Tras catro anos de paralización do proxecto, retómase coa publicación da Declaración de impacto ambiental favorábel no ano 2020, catro anos despois da súa formulación. Ao longo deste tempo producíronse diversos cambios normativos que esixen a revisión profunda do documento ambiental para adaptalo á Directiva de Hábitats da Unión europea que esixe unha Avalación das repercusións sobre a Rede Natura 2000, pola posibilidade da súa afección”, indican.

Advirten do seu impacto nos espazos que configuran as chamadas Paisaxes Pondalianas “coas que a veciñanza, ao igual que o bardo pontecesán, gardan fortes vínculos emocionais”.

“A área de observación de aves da Costa da Morte é a máis próxima e está cualificada entre as dez máis importantes de Galiza, desde o punto de vista ornitolóxico”, explican.

“O esteiro do río Anllóns está recoñecido como Monumento Natural dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos e as Brañas de Gondomil figuran no Inventario de Humidais de Galiza”.

“O informe de 13 de setembro de 2012 da Secretaría Xeral para o Turismo concluía que o impacto do parque eólico sobre o turismo ía ser demoledor”.

Desde as asociacións ambientais bergantiñás, a Rede Galega por un Rural Vivo e Ecoloxistas en Acción ínstase ao concello de Ponteceso e á Xunta a retractarse “dun proxecto eólico ilegal, que debera incorporar unha Avaliación das repercusións sobre da Rede Natura 2000, tal e como esixe o artigo 6 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e un Informe actualizado do Instituto de Estudos do Territorio, que se pronunciara con claridade sobre o grao de compatibilidade paisaxística do proxecto”.