As eólicas recuperan o investimento da montaxe dos parques en menos de 2 anos

Parque eólico das Paxareiras, entre Carnota e Mazaricos. (Foto: Nós Diario)
A marxe de beneficio das compañías eólicas sempre foi moi elevada, mais neste momento o aumento do prezo da electricidade está a disparar as súas ganancias, reducindo o tempo de recuperación do investido. Mentres tanto, recortan o prezo a pagar aos propietarios das terras onde se instalan.
 

O parque eólico do Reboiro vai emprazado na serra da Lagoa entre os concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo. O proxecto, promovido por Green Capital Power, empresa con sede social en Madrid, recolle a instalación de 11 aeroxeradores de 4,5 megawatts cada un, cunha altura de 121 metros e 158 metros de diámetro de rotor, unha potencia total de 49,5 megawatts e unha produción anual de electricidade esperada de 172.367 megawatts hora ao ano.

O presuposto de execución do referido parque, segundo a memoria presentada perante a Xunta da Galiza, é de 39,5 millóns de euros. O orzamento recolle ademais da compra e a montaxe dos aeroxeradores, a instalación de rede de media tensión subterránea, unha subestación transformadora e unha torre meteorolóxica de 121 metros de altitude.
O Observatorio Eólico da Galiza (OEGA) ten estudado os beneficios xerados por este complexo eólico. Segundo sinala a Nós Diario o director do OEGA e economista da Universidade de Vigo, Xavier Simón, “se o prezo do megawatt/hora fose o de 2019 ou 2020 a facturación anual da electricidade do parque mencionado estaría entre 9 e 7 millóns de euros, pero se o prezo fose o de 2021 a facturación anual sería 20,5 millóns, e se a electricidade fose vendida ao prezo medio de marzo 2022 a facturación anual sería de 35,5 millóns”, o que significa un aumento nos ingresos de 394,4%. Así, a prezos de 2022 a empresa recuperaría o investimento en 14 meses.

O proxecto eólico Fonte de Barreiros prevé erguer 16 aeroxeradores de 220 metros de altitude cunha potencia total instalada de 96 megawatts nos concellos de Barreiros e Ribadeo. A instalación está promovida, tamén, pola mercantil madrileña Green Capital Power, un grupo sen un só megawatt desenvolvido e considerado dentro do propio sector como “especulador” en busca de dereitos de xeración para posteriormente vendelos, dados os importantes beneficios que xeran. Os beneficios producidos por este parque eólico tenos estudado Iván Lombardero, un dos voceiros da plataforma Eólicos na Mariña Así Non. Lombardero explica a Nós Diario que “a facturación da instalación sería de 56 millóns de euros ao ano, polo que a empresa recupera o investimento en dous anos, dado que no anteproxecto falan dun custo total do proxecto de 80,8 millóns”.
“As contas son doadas de facer”, afirma Lombardero, que lembra que “multiplicando a potencia nominal dos aeroxeradores polas 3.020 horas de vento útil, nunha produción de 289.899 megawatts por hora/ano, a prezos da electricidade de marzo, saen 56 millóns de euros ao ano”. 

O complexo eólico dos Cotos no concello de Cerdedo-Cotobade proxecta a instalación de seis aeroxeradores cunha potencia instalada de 30 megawatts. O parque, promovido pola empresa Tiraventos, propiedade do grupo Econener, ligado ao polémico empresario Luis de Valdivia, estima unha produción eléctrica anual de 120.450 megawatts á hora/ano.

Recuperación de capitais

O economista e membro da plataforma veciñal Eólicos Así Non Joam Romero sinala a Nós Diario que “conforme aos prezos -entre 40,5 e 49,10 euros megawatt/hora que figuran no proxecto-, recuperaría o capital en tres anos e o investimento en sete. Mais, cos prezos actuais da electricidade que superan os 200 euros megawatt hora, a rendibilidade do negocio sería moito maior, especialmente, considerando o apoio das Administracións para o impulso da produción renovábel de iniciativa privada”.

A prezos do mercado grosista do mes de marzo de 2022 Econer recuperaría o seu investimento no parque dos Cotos en 16 meses. Neste sentido, Romero chama a atención sobre o feito de que “a enorme rendibilidade deste negocio" contraste cun "escaso retorno social". "Tiraventos S.L. estima en 21,3 millóns de euros o pagamento de impostos durante os 25 anos de vida útil do proxecto”, di.

As enormes marxes de beneficio das instalacións eólicas non van acompañadas nun aumento dos ingresos para as propietarias os propietarios dos terreos onde se instalan os parques. Neste sentido, colectivos que agrupan propietarios de parcelas onde se instalan parques eólicos teñen denunciado esta situación nos últimos meses.

Os prezos dos terreos que albergan eólicos

O director de OEGA,  Xavier Simón, considera que “existe a posibilidade no actual marco legal, tal e como están gobernadas as autorizacións, de que as empresas flexibilicen as súas posturas, considerando os seus beneficios, e fagan  un pagamento maior aos propietarios dos terreos”.