Expertos alertan que os contratos de superficie son "auténticas trampas" para o propietario

As eólicas pagan polo aluguer de terreos apenas 2,4% da facturación do parque

Parque eólico en Muras. (Foto: Santi Villamarín)

As críticas ao aluguer pagado polas eléctricas aos propietarios dos terreos onde se instalan eólicos é unha constante. Segundo os datos fornecidos polo Observatorio Eólico, representan entre 1,1% e 2,4% da facturación do parque. As contías ofertadas nos últimos anos son aínda inferiores.

Os termos dos contratos entre os propietarios dos terreos e os operadores eólicos responden a tres modalidades. Así, naqueles acordos onde se paga mediante unha porcentaxe da facturación, os propietarios dos terreos perciben unha parte dos beneficios da instalación eólica previamente determinada nos acordos contractuais. Actualmente só dúas compañías optan por esta opción na Galiza: EDP (Enerxía de Portugal) e Endesa, a filial da italiana de Enel, retribuíndo a primeira aos propietarios con 2,75% da facturación e a segunda con 3%.

O pago en función da potencia eólica instalada na superficie da parcela é a fórmula máis habitual na Galiza. Nesta modalidade de pago para o acceso aos terreos, a retribución vai estar condicionada directamente polo número de aeroxeradores e a potencia unitaria dos mesmos que se atopen na superficie obxecto do contrato. Segundo o Observatorio Eólico da Galiza "para os casos coñecidos de parques eólicos en funcionamento e levando esta modalidade a un pago unitario que permita comparar os contratos, os extremos sitúanse entre os 1.250 e os 7.500 euros/megawatt". A este respecto, o portavoz de Ventonoso, José Antonio Diéguez, afirma que "o prezo medio por megawatt instalado sitúase entre 2.000 e 5.000 euros/megawatt".

O pagamento por superficie ocupada baséase na ocupación dos terreos que se orixina a partir do proxecto eólico. Nuns casos pode existir un pago anual unitario por unidade de superficie afectada para todo o terreo, sen diferenciar entre as distintas afeccións existentes, noutros a opción é un pago por superficie anual diferenciada, en función da clase de afección dos terreos. Neste sentido, o Observatorio Eólico da Galiza destaca que os pagos por este modelo móvense para o primeiro suposto "entre un mínimo de 0,03 euros e un máximo de 0,61 por metro cadrado" e para o segundo entre "8,73 euros metro cadrado polo pleno dominio de superficie de aeroxeradores até os 0,003 euros metro cadrado de servidume por gabias e cables".

Diéguez denuncia que "as eólicas pagan cada vez menos polos terreos". Neste sentido, critica a lexislación galega que "favorece o dereito á expropiación das empresas" e advirte da situación de indefensión dos donos dos terreos. "Teñen a Galiza pillada e están obrigando a xente a asinar. Nas expropiacións pódente espoliar pero é mellor chegar a elas a que che queden cos terreos por nada", indica Diéguez a Nós Diario. "Hai unhas poucas empresas que pagan aos propietarios unha porcentaxe do que produce o parque pero a maioría dos contratos das eólicas son de dereitos de superficie, que habitualmente vén afectando a finca completa", afirma Diéguez, que considera que "os contratos de superficie son auténticas trampas para os propietarios, até o punto de que nalgúns casos se fixan cláusulas que obrigan a reservar dereitos a favor das empresas en terreos que non son obxecto do contrato".

"As condicións son peores"

O economista da Universidade de Vigo e responsábel do Observatorio Eólico da Galiza, Xavier Simón, coincide coa opinión de Diéguez. "As condicións para os propietarios hoxe son peores que no pasado", ten afirmado a Nós Diario, apuntando que nos contratos que teñen revisado no último ano no Observatorio, a petición dos propietarios, non atopan ningunha oferta que mellore as condicións medias dos contratos actualmente vixentes. "As empresas eólicas argumentan as baixadas sinalando que lles reduciron as axudas públicas, porén a súa produtividade mellorou de forma evidente como consecuencia dos avances tecnolóxicos", sinala.

Os estudos efectuados polo Observatorio Eólico da Galiza conclúen que, en relación á facturación dos parques eólicos, "os importes anuais percibidos polos propietarios oscilaron entre 1,1% e 2,4% no período que vai en entre 2002 e 2018". Na mesma liña significa que "na modalidade de pagamento por porcentaxe de facturación os propietarios dos terreos perciben unha porcentaxe que en xeral comeza en 1,5% os primeiros 10 anos e sitúase en 4% os seguintes anos de duración do contrato, normalmente de 30 anos".

Unha das causas dos baixos prezos fixados nos contratos entre os propietarios dos terreos e os operadores eólicos está no "contexto de forte asimetría entre as partes". Esta explicación formulada desde o Observatorio Eólico da Galiza parte "do moito coñecemento do mercado e moita información, por parte dos promotores. Pouca información e poucos recursos, por parte dos propietarios".