Unha cadea humana arrodea San Caetano para urxir a paralización dos parques eólicos con permiso ambiental

Unha cadea humana arrodeu na mañá deste domingo a sede do Goberno galego en San Caetano. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A Xunta concederá nos próximos días as autorizacións previa e de construción, previsibelmente, á maior parte dos expedientes que obtiveron en xaneiro pasado o visto bo do departamento de Medio Ambiente. Botando man de lemas como "Por culpa do capital bótannos do rural", a coordinadora 'Eólica, así non' volve mobilizarse en Santiago contra o que denominan "invasión eólica".

Miles de persoas —máis de 2.000, segundo a organización— concentráronse na mañá deste domingo diante do complexo administrativo da Xunta da Galiza en San Caetano (Santiago) co obxectivo de rodear o edificio cunha cadea humana, a modo de protesta contra o actual desenvolvemento da industria eólica no país. A coordinadora 'Eólica, así non' convocou esta nova mobilización urxindo "restituír os dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas".

O acto deste domingo chega só dous días despois de que transcendese a desestimación por parte do TSXG do recurso presentado pola promotora do parque eólico Oribio, Fergo Galicia Vento, contra a sentenza do alto tribunal galego que anulaba a autorización que o Goberno galego concedera a este proxecto, situado en plena Rede Natura 2000. O Supremo ratificou posteriormente ese veredicto, botando por terra os recursos interpostos pola compañía enerxética e pola propia Xunta, mais agora quedaba por resolver outro de ámbito galego.

A elección desta data non foi tampouco casual, pois a vindeira terza feira, 25 de abril, expira o prazo que ten a Administración para outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción aos proxectos de parques eólicos promovidos en territorio galego que xa contan cunha declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel, un total de 77.

Na concentración desta mañá, convocada baixo o lema 'Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa', puidéronse ler e escoitar diferentes proclamas como "Por culpa do capital bótannos do rural", "Non á especulación" ou "Norvento espolia o noso patrimonio".

"Os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto a cara descuberta das grandes multinacionais especuladoras da enerxía, nin gobernos que, para favorecelas, poñen en risco o futuro de todo un país", defendían desde a coordinadora, que tamén lamentou a "negativa" do Goberno de Alfonso Rueda a reunirse con 'Eólica, así non'. "Non queda máis alternativa", xustificaban, que saír novamente á rúa este domingo, en concreto ás portas da sede da Xunta.

Reclaman con carácter de urxencia a paralización dos proxectos eólicos que actualmente están a tramitarse nas oficinas de San Caetano e que —moitos deles— poderían obter 'luz verde' nos próximos días. Consideran a veciñanza e os colectivos ecoloxistas mobilizados esta mañá en Compostela que estas instalacións causarían "danos irreparábeis, tanto ambiental como socialmente".

Ao remate da marcha deuse lectura a un manifesto e, entre outras demandas, desde 'Eólica, así non' insistiron en reivindicar unha transición enerxética "xusta e sostíbel", e non "á custa de todo". A planificación desde as administracións, reiteraron, debe ser "ordenada e ao servizo do pobo".