Envorca un autobús escolar en Ponteareas
O accidente aconteceu na parroquia de Padróns.
Un autobús escolar, con seis menores de entre 13 e 15 anos a bordo, envorcou na mañá desta segunda feira na estrada EP-2703 ao seu paso pola parroquia de Padróns, en Ponteareas (O Condado). Descoñécense, polo momento, as causas do accidente acontecido arredor das 8 horas, cando o 112-Galiza recibiu o aviso.
Os Bombeiros de Ponteareas tiveron que sacar polo teito do vehículo os pasaxeiros, que quedaron atrapados ao quedar o autobús apoiado sobre as portas de saída.
No accidente non se rexistraron persoas feridas.