Do 'triángulo máxico' a Foz pasando por Cobres: cheo total no primeiro Entroido galego a pleno rendemento tras a pandemia

Os cigarróns toman estes días as rúas de Verín nun dos entroidos máis recoñecidos do país. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Miles de galegas e galegos, e tamén persoas chegadas de todo o Estado español e outros países como Portugal, toman as rúas acompañando cigarróns, peliqueiros e outros protagonistas dunha das festividades por excelencia no país, que este ano recupera a 100% o formato prepandémico.
  1. Os cigarróns enchen Verín
  2. O Entroido focego aspira a Festa de Interese Turístico
  3. Entroido de Cobres
  4. Xenerais do Ulla
  5. Celebración nas cidades

As comarcas do sueste do país levan xa varias xornadas inmersas na gran celebración do Entroido galego, o primeiro a pleno rendemento desde 2019 —antes do estoupido da pandemia—, no que peliqueiros, cigarróns e pantallas de Xinzo de Limia, Verín e Laza animan as rúas e congregan multitudes, que fixeron que a maioría dos estabelecementos hostaleiros penduren o cartel de 'completo'.

"Este ano o éxito vai máis aló do 'triángulo máxico' [Xinzo, Verín e Laza] e xa ven os efectos en sitios como O Barco de Valdeorras, Trives ou a propia cidade de Ourense", explicou a Europa Press o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalaría, Comercio e Servizo de Ourense, Ovidio Fernández Ojea. Este ano percíbese, dixo, "unha maior implicación por parte dos concellos" e tamén "unhas programacións máis amplas" nos municipios.

A falta de datos exactos sobre a ocupación hostaleira, salientou que en moitos puntos "xa se colgou o cartel de 'completo'" e que "se esgotarán" a maioría das case 7.000 prazas hoteleiras da circunscrición ourensá. Nas tres capitais do chamado 'triángulo máxico' e nos municipios limítrofes, "a ocupación é de 100%". Fernández Ojea apuntou que se esperan "miles de visitantes". Tamén agardan un crecemento de turistas do Estado español, xa que "agora hai máis facilidades de chegar a Ourense, grazas ao AVE".

O tirón do Entroido na Galiza incrementárase nos últimos anos antes da pandemia, contribuíndo á mellora dos datos de ocupación nos locais hostaleiros, sobre todo no interior da Galiza, unhas cifras que desde o sector consideran que "poden bater todas as marcas" este ano. Precisamente, este crecemento da festividade levou numerosas entidades, desde o ámbito público ao privado, a promover a promoción conxunta destas citas e fomentar a 'paquetización' destas experiencias.

Os cigarróns enchen Verín

Desde a Oficina de Turismo de Verín sinalaron que a localidade "está a tope". "Hai moita variedade entre o tipo de asistentes", que van "desde xente nova e parellas a grupos de diferentes idades", explicaron. Nesta liña, manifestaron, sobre a procedencia dos que visitan o concello para gozar do seu particular Entroido, que "70% dos que temos confirmados son da Galiza".

Porén, o domingo, que coincide co Gran Desfile de Carrozas, Comparsas, Máscaras e Cigarróns, é o día "que se esperan máis persoas de fóra". Aliás, desde a tarde até a noite, diversas orquestras e charangas amenizarán tanto a veciñanza como os visitantes.

Por iso, indicaron que esta xornada chegarán ao municipio varios buses desde puntos de Portugal, como Porto, Lisboa ou Aveiro —"xente de sitios que viñan habitualmente antes da Covid-19"—, así como doutros lugares do Estado español, como Madrid ou Asturias.

O Entroido focego aspira a Festa de Interese Turístico

O concello mariñao de Foz é un dos principais puntos de celebración do Entroido, contando con rexistros desta festa desde o ano 1910. Así, xa en febreiro de 2021, o pleno de Foz aprobou por unanimidade solicitar á Xunta o recoñecemento do Entroido focego como Festa de Interese Turístico Galego.

A comparsa Farangullas participa desde hai 15 anos nos desfiles desta localidade da Mariña. Unha das súas compoñentes, Lucía Ramiro, apuntou a Europa Press que "actualmente" son 60 persoas, que pasan "todo o ano preparando os traxes de Entroido e os bailes para o desfile".

Concretou que o día grande, celebrado este ano este sábado 18, "a xente da comparsa queda ás 9 horas da mañá e está todo o mundo xunto até a noite, case 24 horas". Nesta liña, Ramiro destacou que o mellor de formar parte dunha comparsa deste particular Entroido é "vivilo todo xuntas, non só coa propia comparsa, senón con todas as demais", xa que "é raro ver tanta xente unida por unha soa cousa".

Entroido de Cobres

Alén da Mariña, a Limia ou Verín, a Galiza conta con outros entroidos que están recoñecidos como Festa de Interese Turístico, entre eles, o de Cobres, lugar formado polas parroquias de San Adrián e Santa Cristina, en Vilaboa (comarca de Pontevedra), cuxa orixe non está clara.

A singularidade desta celebración radica en que se conservan as figuras das Madamas e os Galáns, antes presentes en moitos outros entroidos galegos, pero que hoxe en día se limitan a unhas poucas zonas do país.

Xenerais do Ulla

Entre os entroidos particulares está tamén o dos Xenerais do Ulla, que se celebra en oito municipios: A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. Coas súas raíces no século XIX, tamén conta coa declaración de Festa de Interese Turístico, e baséase nos enfrontamentos bélicos vividos nestes concellos ao longo dese século, como foron a invasión do exército napoleónico, a revolución de 1846 ou as guerras carlistas.

Celebración nas cidades

Por outra parte, cidades como A Coruña, Lugo ou Santiago tamén se preparan para vivir os días grandes do Entroido, con desfiles e múltiples actividades. A capital galega conta cunha trintena de actividades organizadas polo Concello entre o 18 e o 22 de febreiro, malia que o prato forte do entroido santiagués será de novo o desfile da terza feira, que regresa ás rúas do Ensanche e que repartirá 16.000 euros en premios.

Lugo e A Coruña tamén porán fin ás celebracións do Entroido a cuarta feira día 22 co clásico Enterro da Sardiña, a partir das 20 horas e as 20.30h, respectivamente. Namentres, en Pontevedra o Entroido esténdase até o día 25, co velorio do Loro Ravachol, que dará comezo ás 18 horas na Praza da Verdura. Será ás 21h cando saia o cortexo fúnebre cara á praza da Ferraría, para proceder á incineración do defunto.