Entroido, Antroiro, Entruido, Antroido, Antruido, Introido, Entrudo... e ti como lle dis?

Mapa elaborado polo Instituto da Lingua Galega.

Xa estamos no Entroido. Ou ti es das que di Antroido, ou Entrudo ou Introido ou...?  Cal é a forma que se usa na túa zona?

Xa estamos no Entroido, unha época que na Galiza ten unha tradición tan longa como vivaz. A palabra Entroido ten a súa orixe no latín introitus, cuxo significado é entrada, nomeadamente, alén do aspecto relixioso -a Coresma-, a respecto da primavera.

O Entroido tradicional foi concibido como a celebración do mundo ao revés, o escenario de todo o que está mal visto facer o resto do ano. Antigamente, o sentido do Entroido entendíase fronte á Coresma, que no cristianismo é o tempo da penitencia, da pureza e de pedir perdón polos pecados.

A forma estándar é Entroido, mais de acordo co Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na Galiza tamén se documentan outras variantes para nos referir á mesma celebración: antroido, entroiro, antroiro, entruido, entrudio.

A forma carnaval, segundo o ILG, recolleuse como segunda resposta en Sada, Rianxo, Navia de Suarna, Ribas de Sil, Agolada, Vigo e Baiona; e como primeira resposta en Toques e Porto do Son.

Todas as opcións recollidas polo ILG teñen a súa orixe na palabra medieval 'entroido', que aparece documentada no galego desde 1251. Só hai unha excepción: carnaval, de procedencia italiana, carnevale ("levar a carne"), que pasou logo a outros idiomas europeos como o francés, o castelán ou mesmo o portugués (desde mediados do século XVI).

O Tesouro Informatizado da Lingua Galega, a base de datos lexicográfica que comprende máis de de mil obras e que rexistra as palabras en función do seu uso por parte de autoras e autores desde o ano 1812 até a actualidade, dá conta de 15 variantes da palabra, recollida máis de 1.400 veces.

Entroido é, como diciamos, a forma máis usada, pasando das 800 veces e antroido pasa das 500. Outras formas referidas son antroide, antroiro, antrudio, antruido, entrudio, entrudo, entruido, intrudio, intruido, ’ntroido, ‘ntroiro ou n’truido, mais entre elas non suman un cento de veces.

Nos mapas

O organismo dependente da USC elaborou os mapas de uso das diferentes opcións a partir dos datos do Atlas Lingüístico Galego, que poden consultarse nos diferentes volumes desta publicación e cuxos datos foron recollidos na década dos anos setenta do século pasado. As formas escollidas alén Miño son Entrudo e Intrudo, segundo informa a Associaçom Galega da Língua (AGAL). "Nos textos medievais, aparecem registados os termos entruido e entroydo. Mais tarde, o termo apresenta a grafia com i".