1.000 'Nós Diario'

VÍDEO | Entrevista a María Obelleiro en 'Onda Cero': "Precisamos un xornalismo crítico, valente e independente"

María Obelleiro, directora de 'Nós Diario'.
'Onda Cero' entrevista a directora de 'Nós Diario' con motivo do número 1.000 do xornal, que sairá á rúa este sábado. Reproducimos a conversa a continuación.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, pasou na mañá desta quinta feira polos micrófonos de Onda Cero en Ourense para falar do exemplar número 1.000 do xornal, que sairá á rúa este sábado, 11 de novembro, cunha edición moi especial e chea de agasallos e sorpresas. Na entrevista, que se reproduce a continuación, Obelleiro puxo en valor o xornalismo "crítico, valente e independente" que só é posíbel grazas á inestimábel axuda de centos de persoas subscritoras.

Preguntada polo propio nome, Nós, en homenaxe á prestixiosa revista, salientou: "É unha responsabilidade enorme, por todo o que supón, por ese galeguismo histórico que sufriu nas súas carnes a represión após o golpe de Estado de 1936. E transmite o que pretendiamos, que é un proxecto do pobo. Ese 'nós' de facer partícipe a sociedade, a xente".

E cal é a liña editorial? "É un xornal de intereses galegos, informamos do que acontece aquí e fóra, pero sempre co foco posto na Galiza. E tamén queremos demostrar toda a riqueza que temos na Galiza, non só cun enfoque crítico senón tamén vendo esa parte positiva", dixo.

Nós segue a ser hoxe o único diario impreso en lingua galega, fronte a outras moitas cabeceiras que empregan o castelán. Porén, María Obelleiro é optimista: "As 3.000 subscritoras coas que naceu o diario demostran que hai un espazo para a lingua galega. E xa daquela foi unha grandísima noticia, porque cando nacemos fomos o terceiro diario con máis subscricións a xornais en papel da Galiza, só por detrás de La Voz de Galicia e Faro de Vigo".