A lei galega xa recoñece como machista a violencia vicaria

Mobilización en protesta contra a violencia machista (Foto: Europa Press)
Desde hoxe tamén ten validez o texto legal que aspira a garantir a "igualdade real" entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta cuarta feira a reforma da lei autonómica para a prevención e o tratamento integral da violencia machista que incorpora como principal novidade o recoñecemento como machista da violencia vicaria.

O texto entra hoxe en vigor e outórgalle a condición de vítimas de violencia machista a todas aquelas mulleres cuxo agresor actúa contra os seus fillos e fillas para lles facer dano. Porén a lei galega vai máis aló e concederá o mesmo recoñecemento cando a agresión, física ou psicolóxica, se con calquera persoa do seu ámbito máis íntimo.

Así, a norma inclúe dentro do concepto de violencia de xénero a violencia vicaria, entendida esta como "o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia" exercida sobre os fillos da muller ou sobre calquera outra persona "estreitamente unida a ela", coa finalidade de causarlle o maior dano por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou mantivese unha relación análoga, aínda sen convivencia.

A reforma da lei galega de violencia de machista, aprobada por unanimidade a proposta do BNG, atende unha vella demanda do feminismo galego, que ademais de ampliar os delitos de violencia de xénero tamén introduce cambios que afectarán ás prestacións de atención psicolóxica, económica e legal á que poden acceder as mulleres vítimas desta violencia.

Igualdade real na investigación

O DOG tamén publicou esta cuarta feira o texto legal que aspira a garantir a "igualdade real" entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación.

Entre outras cuestións, o texto estipula "a garantía" de que os períodos de tempo dedicados a permisos ou con reducións de xornada por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes non repercutan na formación e na carreira docente e investigadora.