Consenso na Cámara para recoñecer a violencia vicaria

Os grupos políticos aprobaron por unanimidade en comisión parlamentar o ditame da proposición de lei que recoñece a violencia vicaria como violencia machista. O próximo 13 de xullo irá ao pleno da Cámara.
Mobilización en protesta contra a violencia machista (Foto: Europa Press)
photo_camera Mobilización en protesta contra a violencia machista (Foto: Europa Press)

Os grupos parlamentarios aprobaron por unanimidade o ditame da proposición de lei que permitirá recoñecer as persoas que sofren violencia vicaria (aquela que se exerce contra fillas e fillos para danar as nais) como vítimas da violencia machista. A proposta, exposta polo BNG, foi debatida este 1 de xullo na comisión de Sanidade e Política Social e irá a debate ao pleno do día 13, antes de concluír o período de sesións.

A deputada nacionalista Olalla Rodil considerou que a Galiza figura así como "exemplo" nesta materia para situarse na liña das recomendacións internacionais do Convenio de Istambul e valorou o carácter retroactivo da proposta como "acto de xustiza", ao tempo que insistiu na necesidade de mudar a normativa estatal para "ir avanzando" no ámbito xudicial.

A popular Paula Prado tamén insistiu neste aspecto e na urxencia de mudar o Código penal non só na violencia vicaria senón tamén en ámbitos como na violencia que se produce a través de medios dixitais ou redes sociais.

"É fundamental que o Congreso se poña a traballar nese ámbito", sinalou, para lograr "unha igualdade real" e o recoñecemento dos dereitos "de todas as mulleres".

Sobre as emendas aceptadas, a socialista Noa Díaz destacou a ampliación da consideración de violencia vicaria para alén dos supostos de homicidio e asasinato, dado que este tipo de situacións tamén se dan a través da manipulación, o insulto ou o acoso a través de persoas próximas á vítima.

Igualdade na investigación

Os grupos tamén aprobaron o ditame sobre a proposición que modifica o decreto 2/2015 co fin de garantir a igualdade real entre homes e mulleres no ámbito da universidade, de cara a non penalizar as investigadoras  pola maternidade ou coidados de familiares.

A proposta, presentada polo BNG, leva o nome da oceanógrafa galega Ángeles Alvariño, na súa honra. 

Comentarios