Entra en vigor a prohibición do uso do móbil nos recintos escolares

A prohibición do uso de teléfonos móbiles nas escolas galegas entra en vigor esta segunda feira. (Foto: Maria Vitkovska)

O protocolo estabelece escasas excepcións.

O protocolo para o uso dos teléfonos móbiles nos centros educativos de nivel non universitario sostidos con fondos públicos entra en vigor esta segunda feira, 8 de xaneiro, coa volta do alumnado ás aulas logo das vacacións de Nadal.

A prohibición, regulada por un anexo da Orde da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicada o 4 de xaneiro no Diario Oficial da Galiza, aplícase a todos os momentos da xornada escolar, incluídas as entradas e as saídas e as actividades extraescolares.

Porén, e tal e como avanzou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o pasado 7 de decembro, os centros escolares poderán “estabelecer excepcionalmente normas para a correcta utilización” dos dispositivos como “ferramentas pedagóxicas” e sempre “supervisados polo propio profesorado”.

Reafirmouno tamén este domingo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, insistindo en que nos centros educativos o teléfono móbil poderá utilizarse sempre como ferramenta pedagóxica, con control docente, e en casos excepcionais, pero sempre coa "supervisión do profesorado".

A medida anunciada por Rueda mesmo antes de rematar o trimestre escolar non estivo exenta de polémica. Desde diversos colectivos de Anpas posicionáranse contra a prohibición total dos móbiles nos centros de ensino. Así, o presidente da Confederación Galega de ANPA de Centros Públicos (Confapa), Rogelio Carballo, manifestara que se a prohibición supuña "unha irresponsabilidade" por dar "carta de natureza a criterios negacionistas".

Excepcións

Así, a prohibición, coa que a Consellaría persegue o obxectivo de “educar no bo uso” dos teléfonos móbiles, ten algunhas excepcións. Tal é o caso de situacións de necesidade como poden ser “médicas ou doutra índole”, sempre e cando as circunstancias xustifiquen o seu uso e estea autorizado pola Dirección ou polo profesorado.

Estarán exentos tamén de aplicar esta prohibición os centros que imparten ensinanzas de Formación Profesional de Grao Superior, os de Réxime Especial (Escolas Oficiais de Idiomas ou Conservatorio) e de Adultos, tanto polas súas características organizativas e de alumnado.