Entra en vigor a 'Lei Celáa' mais deixa as principais mudanzas para o curso que vén

Instalacións do CEIP Plurilingüe de Oca, pertencente ao concello da Estrada. (Foto: Nós Diario)
O PP anuncia un recurso contra a normativa diante do Constitucional

Na xornada de hoxe estreouse a Lei orgánica da modificación da LOE, Lomloe, tamén coñecida como a “Lei Celaá”, 20 días despois da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) e só cinco anos após a entrada en vigor da Lomce ou “Lei Wert”. A lei educativa comeza o calendario de implantación a prazos acompañada de rexeitamentos da oposición e con opinións encontradas por parte dos sindicatos. 

Os primeiros cambios que se aplican neste curso afectan á participación e competencias do Consello Escolar, o Claustro e as directoras e directores do centro; a autonomía dos centros; a selección da directora nos centros públicos e a admisión do alumnado. Neste aspecto, os sindicatos CIG-Ensino, CCOO Ensino e a Federación de Empregadas de Servizos Públicos (FESP) da UXT celebran que se lles devolva as competencias ao Consello Escolar, que deixa de ser un órgano consultivo e volta a ser responsábel “dunha xestión máis democrática e participativa nos centros”, opina José Fuentes, portavoz de Ensino Público de CCOO.

“Aínda que sexa unha mellora con respecto á Lomce, perdeuse a oportunidade de poder ir máis aló e mellorar así aspectos como o peso das concesións no Estado español, que debería ser moito menor, e a diminución da cantidade de alumnado que debe haber como máximo nas aulas”, comenta o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello. Neste aspecto, Balboa indica que desde o sindicato “queríamos que se afondase no debate en canto ao sistema de acceso á función de docente para discutir así sobre que tipo de profesorado queremos ter”. 

Os sindicatos lamentan que a Xunta non apoie esta lei e que faga “artimañas como o adianto da admisión do alumnado para non ter que aplicala, cousa que terán que facer o curso que vén”, advirte Felipe Balboa, secretario da organización FESP-UXT. 

No referente ás cuestións que se aplicarán máis adiante, a lei especifica que ao comezo do seguinte curso escolar implantaranse modificacións como o aumento de prazas públicas na educación de 0 até 3 anos; que a materia de relixión non conte para a nota media ou a prohibición de que os colexios concertados segreguen por sexo. 

Ademais, a Lomloe tamén inclúe a fixación da “excepcionalidade” da repetición de curso -“a que a repetición non é a solución aos problemas de aprendizaxe do alumnado”, afirma Fuentes ao respecto-; a inclusión dunha cuarta modalidade de Bacharelato máis xeral e a derivación de alumnos e alumnas de centros de Educación Especial a centros ordinarios no prazo de 10 anos. 

As modificacións relativas ao currículo, organización e obxectivos na primaria, ESO e Bacharelato implantaranse a partir de 2022/23 nos cursos impares e ao seguinte nos pares. 

Os tres sindicatos tamén están de acordo na falla dunha memoria económica na nova lei. “O obxectivo de lograr o 5% do PIB en educación é loábel, pero nós cremos que debería levar un 7% e que debería ter elementos correctores no caso de que exista unha contracción do mesmo; xa que se a economía vai a peor, as cantidades económicas serán menores”, explica Fuentes.

Feixoo busca a mínima aplicación posíbel da LOMLOE

No pasado mes de decembro o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, facía saber que o Goberno galego “non comparte esta lei” e que buscaría a maneira legal de que tivese “a mínima aplicación posíbel” na Galiza. Desta maneira a Xunta seguirá aplicando a normativa educativa galega anterior á Lomloe a excepción de que "por imperativo lega, exista algún precepto de obrigado cumprimento", aseguraba o presidente.

Así o recalcaba tamén a nivel estatal esta terza feira o Partido Popular que, coincidindo coa entrada en vigor da "lei Celaá", confirmou que recorrerían esta lei ante o Tribunal Constitucional e acudirían á UE. Segundo facía saber o PP desde as súas redes sociais, lexislarán “desde os territorios nos que gobernamos para evitar os estragos desta lei”.