Entra en funcionamento o novo paso alternativo de Recimil

Un veciño das parroquias de Recimil e Coeo conversa cun axente da Policía Estatal (Foto: Carlos Castro).

Esta solución, acordada entre os representantes veciñais e os técnicos de ADIF, garante a seguridade e permite suprimir o paso a nivel no que faleceron dous mozos este verán. 

A pasada cuarta feira, o Concello de Lugo informou de que os traballos realizados por ADIF ao longo dos últimos dous meses consistiron na construción dun camiño provisional paralelo á vía que conecta o punto onde se atopaba o paso a nivel clausurado con outro inferior situado a 300 metros en dirección norte.

Por outro lado, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comunicou á veciñanza de Recimil e Coeo (comarca de Lugo) que o novo paso alternativo polo que mediou o Executivo  municipal entraría en funcionamento esta quinta feira. 

Ademais, o administrador de infraestrutras ferroviarias, ADIF, anunciou que o proxecto para o paso definitivo xa contaba coa aprobación técnica, polo que "proximamente iniciarase proceso de licitación de obras".

En agosto, a empresa pública propuxo clausurar o paso a nivel, onde se produciu o sinistro no que faleceron dous mozos o pasado mes de xullo, até a súa supresión definitiva. Nun primeiro momento, ADIF descartara actuacións neste paso a nivel até que deixase de estar operativo definitivamente, cuxo proxecto de eliminación estaba xa por entón finalizado e próximo de saír a licitación.

Esta solución, acordada entre os representantes veciñais e os técnicos do organismo estatal en agosto coa mediación do Goberno local, requiriu poñer ao dispor de ADIF uns 100 metros lineais de terreo, que foron cedidos pola veciñanza de Recimil. A alcaldesa de Lugo destacou, esta semana, a colaboración de todas as veciñas e veciños e resaltou: "É unha boa noticia para Lugo. A meta común era lograr que puidese ser suprimido [o paso a nivel] e que, ao tempo, existise unha alternativa de tránsito que impedise o illamento dos habitantes de Recimil e Coeo".

Por outro lado, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, valorou tamén a colaboración entre institucións. "Hoxe damos un paso máis para garantir a seguridade".

O accidente

Os tres mozos que viaxaban no coche que en xullo foi arroiado por un tren neste paso a nivel sen barreiras na parroquia de Recimil, en Lugo, eran estudantes do CIFP Tecnolóxico de León e atopábanse realizando prácticas curriculares de formación na empresa tecnolóxica Telice.

Os ocupantes do coche participaban na obra dun centro asociado á subestación de Adif de Oural (comarca de Sarria), no marco da electrificación da liña Ourense-Monforte-Lugo.

A propia Adif abriu unha investigación sobre este accidente mortal, nun paso a nivel que unicamente estaba sinalizado cun 'Stop' e sinal de aspas. No seu día, indicou que a comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF) decidiría se facía o propio nunha reunión prevista para finais do mes de xullo, e por agora non figura ningunha aberta na súa páxina web.