Entidades galegas demandan unha solución política para o Kurdistán

Representantes de entidades galegas que integran a plataforma. (Foto: Nós Diario)
Unha campaña pide a liberación do líder kurdo Abdullah Öcalan.

A Plataforma Internacional pola Liberdade de Abdullah Öcalan demandou esta terza feira, 10 de outubro, –nas máis de 70 roldas de prensa simultáneas convocadas, en distintos puntos do Estado español e diferentes países do mundo– unha solución política para a cuestión Kurda, que se permita ao líder kurdo Abdullah Öcalan reunirse cos seus avogados e a súa familia e, en última instancia, que sexa posto en liberdade en condicións que lle permitan desempeñar un papel na procura dunha "solución xusta e democrática do conflito kurdo en Turquía, que xa dura décadas".

Öcalan, considerado por millóns de persoas kurdas o seu representante político, foi secuestrado en febreiro de 1999, nunha operación orquestrada por varios servizos de intelixencia e enviado a Turquía, onde permanece encarcerado sen contacto co mundo exterior e sendo "vítima de torturas e outros tratos degradantes".

A pesar disto, as persoas que forman parte do seu movemento "están á fronte da loita pola autodeterminación do Kurdistán, xunto con movementos multiétnicos e multirrelixiosos".

Campaña internacional

A campaña internacional "Liberdade para Öcalan, solución política para a cuestión kurda" une movementos sociais, partidos políticos, comunidades, sindicatos, activistas, intelectuais e millóns de kurdos de todo o mundo arredor dun obxectivo: acadar unha solución política xusta e democrática á centenaria cuestión kurda de Turquía, permitindo a participación de Öcalan nun "diálogo renovado".

Na Galiza actuou como portavoz a actriz Isabel Risco, que en nome de todas as organizacións que se sumaron á plataforma deu lectura a un manifesto nunha rolda de prensa na que estiveron presentes representantes de Adega, Avante LGBTI+, BNG, Ceivar, CIG, Marcha Mundial das Mulleres, CUT, Erguer, Esculca, Fruga, Galiza Nova, Fundación Galiza Sempre, A Gentalha do Pichel, Movemento Arredista, Plataforma Baran Galiza, SLG, UPG e Vía Galega.