Entidades ecoloxistas e veciñais piden rematar con décadas de maltrato ao Eume

Infografía dos danos provocados ao río Eume nas pasadas décadas (Imaxe: Colectivo Terra).
Tras o episodio de turbidez que mantivo dez días fechada a billa de Pontedeume, a Xunta incoou un expediente a Endesa e realizou obras na estación depuradora. Desde o ecoloxismo e os movementos sociais piden actuar no que consideran a orixe do problema: as lamas do encoro.
Texto Raquel C. Pérez + Infografías Coletivo Terra

En setembro de 1960, o ditador Francisco Franco desprazábase á Galiza para presidir a inauguración do encoro do Eume. O salto, deseñado polo mesmo enxeñeiro que proxectou o aeródromo de Alvedro ou a presa do Tambre, recibiu a bendición do cardeal arcebispo de Santiago de Compostela segundo recolleu naquela altura o xornal ABC.

Medio século despois, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza admitía nun informe que non se tiña constancia de que a concesionaria, entón xa Endesa, tivese soltado o obrigatorio caudal ecolóxico. “Entre o muro da presa e a central hidroeléctrica, nun tramo duns catro quilómetros, o Eume estaba completamente seco”, explica a Nós Diario Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.

Foi o máis grave dentro do inventario de danos ocasionados ao río e recollidos no infográfico do Colectivo Terra que acompaña esta reportaxe. O mesmo que, o pasado setembro, alertou do baixo nivel do encoro da Capela e, en outubro, da cor abrancazada das augas. A Xunta declarou a situación de emerxencia pola turbidez, que nas analíticas multiplicou por cen os valores normais. Entre o día 10 e o 20 prohibiuse o consumo da auga da billa á veciñanza de Pontedeume. 

Os lodos do encoro

Tanto o Colectivo Terra como Adega apuntaron ás lamas acumuladas durante décadas no fondo do encoro, procedentes en gran medida da actividade mineira das Pontes. As mesmas que se depositaron na súa boca, obstaculizando as válvulas de desaugue que non se empregaran durante ese medio século sen caudal ecolóxico.

"A normativa estatal obriga a dragalas cada dez anos, Endesa tampouco o fixo. Cando presentou o seu proxecto de modernización das válvulas, coincidindo coas dilixencias da Fiscalía de Medio Ambiente polo incumprimento do caudal ecolóxico, admitiu que as obras provocarían verteduras destas ao río. Estamos case certos de que isto foi o que aconteceu", resume o secretario técnico de Adega, Fins Eirexas. "A Xunta permitiulles retiralos do río e botalos un pouco máis enriba", di González.

En outubro, a Administración galega incoou un expediente á compañía eléctrica pola súa "neglixente" xestión do encoro. A directora xeral de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, afirmou en comisión parlamentar que Endesa o fixera "rematadamente mal" e relacionou o baixo nivel das augas da presa a esa deficiente administración. Porén, desligou os lodos da problemática da turbidez.

Na comisión de seguimento do río Eume, Endesa asegurou que 90% dos sedimentos teñen unha orixe natural e que o restante 10% non é tóxico nin perigoso. O Concello de Cabanas solicitou un estudo completo. As analíticas da auga, que a Xunta compartiu nunha reunión da comisión, amosaron tamén altos niveis de aluminio. Adega solicitou o acceso completo aos resultados, mais non obtivo resposta por parte da Xunta.

Pola súa banda, o Colectivo Terra fixo estudar nun laboratorio as mostras tomadas na cola do encoro, situada entre os concellos das Pontes e de Monfero. "Os niveis de aluminio son altos, aínda que sen unha análise polo miúdo das terras non podemos extraer conclusións. Con todo, cremos que demostran a conexión entre o episodio de turbidez e as lamas", valoran. 

Novas mostras de turbidez

Nos últimos días, desde o Colectivo Terra teñen detectado novas mostras de turbidez no Eume. Fontes da Consellaría de Medio Ambiente explican a Nós Diario que se trata de episodios "puntuais". "En ningún caso se produciu un aumento significativo, a tendencia xeral é que os valores de turbidez van baixando", aseguran.

Segundo a Consellaría, obras realizadas na Estación de Tratamento das Augas Potábeis (ETAP) de Pontedeume permitirían hoxe tratar os niveis de turbidez rexistrados en outubro. Adega critica que a Xunta poña o foco e mais o orzamento no tratamento das augas e non na orixe da súa cor abrancazada que, insisten, consideran que se atopa nos lodos. "Endesa incumpriu repetidamente a lexislación coa conivencia da Administración, hai sobrados  motivos para que se inicie o expediente de caducidade do encoro. Están a asasinar o Eume", conclúe Eirexas. 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]