Sete entidades ecoloxistas reclaman “transparencia” sobre os proxectos ambientais galegos aos 'Next Generation'

As 10 iniciativas en materia de biodiversidade anunciadas pola Consellaría de Medio Ambiente e que optan ao financiamento europeo “necesitan ser explicadas e abertas á participación da sociedade”.

Sete entidades de defensa e conservación da natureza emitiron un comunicado conxunto no que demandan información sobre os proxectos anunciados pola Consellaría de Medio Ambiente que optan aos fondos europeos ‘Next Generation’. Unhas iniciativas, indican estes colectivos e organizacións, dos que só se informou de forma “superficial” e “sen ningunha concreción”.

Por iso, Adega, Amigos da Terra, Verdegaia, SGHN, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Asociación galega de Custodia do Territorio e o Grupo Naturalista Hábitat piden “transparencia”. Eses proxectos “necesitan ser explicados e abertos á participación da sociedade civil para adaptar estes fondos ás necesidades reais, que son moitas, en materia de biodiversidade en Galiza”.

Os fondos ‘Next Generation’, consideran, son unha “magnífica oportunidade” para mellorar o estado de conservación “do noso maltreito medio natural e deberían ter como obxectivo a conservación e restauración dos ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade no senso máis amplo posíbel, especialmente, no referido aos espazos protexidos, á Rede Natura e as especies con plans de recuperación aprobados ou pendentes de aprobación ou aqueloutras que realmente xustificaron a declaración destas figuras de protección, sen esquecer a necesidade de incrementar a superficie dos espazos protexidos”.

Pola contra, advirten, “non debería contemplarse a utilización destes fondos para actuacións sobre as infraestruturas nin para a promoción do uso público destes espazos”.

As sete entidades inciden en que a xestión e conservación da biodiversidade na Galiza “está estancada desde hai anos e non se cumpren os mandatos europeos, nin as obrigas propias das competencias en materia ambiental e de conservación da natureza, existindo un baleiro na aplicación destas políticas no territorio”.

“Este desalentador panorama da biodiversidade en Galiza necesita ser revertido con urxencia e pensamos que a aplicación dos fondos de recuperación verde é unha boa oportunidade para empezar”, conclúen.