Entidades ambientalistas galegas piden que se eviten os parques eólicos no nacemento dos ríos

Serra do Suído

Demandan a Augas da Galiza e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que impidan a alteración dos afloramentos de acuíferos que provoca a seca de mananciais.

As entidades ambientalistas Plataforma das Salgueiras, Asociación ambiental Petón do Lobo, Asociación galega Cova Crea, Plataforma Quijote de Outes, Asociación “O Ouriol” do Anllóns e Plataforma SOS Suído denuncian que a implantación de parques eólicos nos nacementos dos ríos pode causar graves prexuízos aos acuíferos.

Exixen a Augas da Galiza e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que evite a implantación neses lugares.

Casos concretos

Nun comunicado explican algúns casos concretos como o proxecto eólico Cóto das Airas, nos municipios da Lama e Fornelos de Montes, en plena serra do Suído.

“Afecta á área de Xesteiro do Patataco/Coto do Recosto, da parroquia San Xosé da Laxe, do concello de Fornelos de Montes” sinalan e apuntan que son “zonas de densa vexetación e desde a que nacen varios regatos bañada por regos e mananciais que agachan unha balsa de auga superficial e probablemente un acuífero soterrado”. Por este motivo a instalación do parque tería un impacto moi severo para os recursos hídricos.

O mesmo acontece, segundo estas organizacións, co proxecto eólico Banzas, nos municipios de Outes, Mazaricos e Negreira, que afectaría polo oeste ao río Tines pertencente á conca hidrográfica da ría Muros–Noia e polo leste á conca do río Tambre. “Este proxecto aséntase sobre a nacemento de varios regos como o rego Bao da Nosiña, o río Banzas, a Fontenla e Fonte Salgueira”, relatan, “dando lugar a unha braña onde aflora a auga que posteriormente conformará os afluentes dos ríos Tines e do Tambre”.

Outros exemplo serían o proxecto eólico Maragouto, tamén nos municipios de Outes e Mazaricos, que se asenta sobre a braña de Valadares, e o proxecto eólico O Cerqueiral, nos municipios de Coristanco e Santa Comba.

Por último expoñen que o proxecto eólico das Salgueiras, no municipio de Ponteceso as obras afectan, de norte a sur, ao Rego das Bouzas que tributa as súas augas á marxe dereita do tramo final do río Anllóns e o seu esteiro. Tanto cara ao oeste como cara ao norte cóntase coa presenza de regatos e fontes como o rego de Guxín, rego de Corme, rego da Barda ou Fonte da Facha. Estes últimos verten as súas augas de forma directa ao océano Atlántico, ben tras un percorrido por zonas de cantís ou ben en pequenas praias areosas.