O ensino rural gaña espazo na pandemia

Nos núcleos rurais o número de menores por aula é máis baixo que nas cidades. (Europa Press)
Coa mesma necesidade de profesorado, modernización e servizos, os centros de ensino do rural afrontan o ritmo que a Covid-19 impón ao novo curso coa vantaxe de non estaren masificados e poder cumprir, sen normas complementarias, as medidas de prevención de contaxio que son tamén medidas educativas. Menos alumnado por aula e maior atención aos grupos contrarrestan as carencias endémicas do sector educativo máis alá das contornas urbanas, marcados pola falta de conexións, na mobilidade e nas tecnoloxías da comunicación. 

ACovid-19 tornou en virtude unha das características que eivan, cando menos desde o punto de vista da Administración, o ensino no rural.

A falta de poboación e a dispersión, usadas con criterio economicista para fechar aulas ou postergar investimentos, son hoxe unha vantaxe para o seu alumnado, libre do rigor das ratios, da distancia mínima interpersoal, dos desdobres ou dos anteparos que impoñen as normas sanitarias para previr contaxios.

Porén, existen problemas endémicos –desde a falta de mantemento das instalacións, carencias en infraestruturas e servizos, na mobilidade ou na conectividade dixital– que a pandemia non fixo máis que pór sobre a mesa. 

As vantaxes, pero tamén as dificultades, da educación fóra dos núcleos urbanos coñéceas ben Alexandra Cabana, membro do colectivo Profesorado en pé e docente do IES Terra Chá de Castro Ribeiras de Lea, unha parroquia a 21 quilómetros de Lugo.

Para ela, un dos problemas máis graves que o coronavirus sacou á luz no rural está no deficiente acceso a internet, tanto do alumnado como do propio persoal. "Calquera tipo de ensino que implique o uso de tecnoloxías no rural é unha complicación enorme, que temos enriba se pensamos nos escenarios de semipresencialidade ou de educación en remoto que se barallan para o curso", sinala.

Con 379 contaxios e 13 aulas fechadas nas escolas infantís, colexios e institutos galegos, dos que 207 se concentran en Ourense, A Coruña, Vigo, Compostela, Lugo e Pontevedra –segundo os datos facilitados onte polo Sergas–, tamén os centros rurais comezan a padecer restricións puntuais derivadas de positivos –un, no caso do IES Terra Chá–, corentenas ou esperas polas PCR.

Dos 379 contaxios nos centros de ensino galegos, máis da metade están nas cidades

"Temos que comunicarnos vía correo electrónico e aí xa se ven as dificultades dixitais, onde ademais nin houbo tempo de formar o alumnado nestas ferramentas, e tampouco o profesorado recibiu a formación da Xunta", aduce a docente, a cuxo instituto chegou aínda onte a formación da Administración galega sobre a aula virtual. 

Nisto, as deficiencias son compartidas co resto de centros, independentemente da súa localización xeográfica. "Traballas co alumnado na aula e tes que atender ao que está na casa, que requiriría unha atención máis intensa da que pode dar unha persoa que está en dous sitios a un tempo", advirte. 

Burbullas de socialización

No outro lado da balanza, Cabana apunta, entre outros beneficios, o número de estudantes máximo, 19 no seu caso. No CPI de Castroverde, onde está escolarizada a súa filla, cun máximo de 18 menores por aula son quen de cumprir a distancia interpersoal de 1,5 metros aínda cando a Xunta non a impón en Infantil e Primaria, ao concebir estas etapas como "aulas burbulla". 

A comunidade educativa da unitaria de Luaña (Brión), fechada este curso pola Xunta por non chegar ao mínimo de matriculacións, coñece tamén as vantaxes deste tipo de centros. Tanto, que como explica Lucía Forján, representante das cinco familias que levaban as súas crianzas a esta escola, catro delas optaron por matriculalas noutra unitaria do seu mesmo municipio.

"O modelo é tremendamente reivindicábel, e non só polo concepto de escola pequena que favorece a relación na comunidade educativa, senón tamén polo modelo formativo, con nenos e nenas de distintas idades, de até cinco cursos distintos, convivindo. É moi enriquecedor", reflexiona Fernando Lacaci, presidente da Confederación de Anpas Galegas. Para el, as reivindicacións que facer para mellorar o ensino público galego, urbano e rural, son compartidas, e así llo trasladou ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha xuntanza a finais de setembro. 

"Efecto chamada"

"Para nós o primordial é pór os medios e os recursos para non seguir desmantelando o rural e dotalo de servizos sanitarios e administrativos, educativos, estruturas comerciais, banda ancha e conexións de transporte. É a única maneira de que exista un 'efecto chamada' e que a xente poida tomar a decisión consciente de volver ou de instalarse alí por primeira vez. Pór os medios para que exista demanda, xusto ao revés de como actúa a Xunta", razoa.

A modernización dos centros ou as necesarias melloras do transporte escolar, ao que a Covid-19 está a afectar tanto polos cambios de horarios como nas rutas, están entre as reclamacións que se trasladaron á Consellaría, como tamén un plan educativo específico para o rural, que aproveite os seus valores engadidos: o movemento cultural que xira ao redor destes centros, a vinculación coas tradicións, coa paisaxe e co patrimonio arqueolóxico e histórico e tamén o seu valor socializador. 

"A pandemia trouxo unha necesidade de espazos abertos e unha certa curiosidade pola formación no rural. Só se necesitaría un plan, nin sequera demasiado ambicioso, para recuperar esa aposta por estes colexios moito menos masificados", estima Lacaci. 

A educación, dependente

Os problemas que está a denunciar a ANPA Andaravía sobre o comedor escolar do CEIP de Pedrouzos, en Brión, explican ben a dependencia que os núcleos rurais teñen de servizos coma este. A el acode alumnado procedente de Brión, Ames e Rois.

O modelo de xestión –directa, a cargo da Xunta, e con voluntariado para atender os servizos, necesariamente da comunidade escolar– e as dificultades que suman as normas de prevención de contaxios levan a que, neste curso, 200 das 386 crianzas que poderían usalo quedasen fóra.

"A prioridade para acceder, segundo nos fixo chegar a Xunta, é para o alumnado transportado –que reside a máis de dous quilómetros–, as familias numerosas e aquelas en risco de exclusión. Con iso cóbrense as 190 prazas, de maneira que quedan fóra aquelas familias que precisaban o comedor por razón de conciliación, por incompatibilidade horaria co traballo", expón Xosé Ares, presidente da ANPA.

 A solicitude que a entidade realizou á Xunta, e que mesmo levou as persoas usuarias do comedor a manifestarse diante do colexio esta semana, pasa por permitir abrir unha segunda quenda de comidas, para o que sería necesario ampliar o persoal de atención.

O problema, apunta, está en que as normas da Consellaría de Educación só permiten que sexa persoal voluntario e vinculado ao alumnado do centro e non, como demandan as familias, profesionais contratados, que o Concello de Brión se ofreceu a facilitar, malia non estar nas súas competencias.

"Non todas as familias que solicitan praza teñen posibilidade de acudir como voluntarias", indica o representante da asociación de nais e pais, para xustificar a necesidade de contratacións.  

Tan importante como a dispoñibilidade do comedor escolar para quen o precisa é, segundo subliña Ares, a necesidade de transporte escolar, dependente tamén da Consellaría de Educación. "Falamos dun concello disperso, con aldeas diseminadas por todo o territorio", fai notar. 

No caso do CEIP de Pedrouzos, o transporte condiciona tanto os horarios lectivos como o uso do comedor, xa que o bus de volta non sae do centro até as 16.30 horas –tras realizar os servizos escolares noutros dous concellos–, o que obriga a empregar o comedor a quen depende deste medio. "Moitas familias non necesitarían servizo, mais teñen que usalo por falta de transporte", sinala.

"Parece que se prima a xestión privada, mentres que a directa, pública e dependente da Xunta, non dá para máis, e non é un problema individual", critica o representante da ANPA, quen se remite tamén ao comedor de Padrón, en circunstancias similares, e co que xa se están a estudar mobilizacións conxuntas.

O IES Pazo da Mercé denuncia a falta de buses para o alumnado

Outro centro, o IES Pazo da Mercé, nas Neves, denunciaba onte unha situación similar, arroupado polo Consello Escolar, a ANPA e mesmo o Concello. Neste caso, a falta transporte obriga unha parte do alumnado a perder, desde inicio de curso, dúas horas lectivas semanais.

Segundo expoñen, a supresión, por mor da Covid-19, do comedor escolar ao que accedía o estudantado obrigou a modificar os horarios lectivos, unha decisión aprobada pola Xunta "pero que non se pode aplicar" ao non existir transporte de liña –o que emprega o alumnado de ensino non obrigatorio– que se axuste, sen facer que a rapazada espere horas sen comer.

"A Consellaría non ofrece  ningunha saída e o conflito non ten trazas de se resolver a curto prazo", alertan.