ONU-Hábitat

Enfoque de xénero na planificación urbana

A Asemblea de Mulleres-HABITAT III reclama a construción de cidades seguras e inclusivas

A necesidade de construírmos cidades máis seguras para as mulleres e sen violencia no espazo público nin privado incorpórase aos debates da nova planificación urbana.

Na segunda feira día 17 comezou en Quito a terceira edición do ONU-Habitat. Trátase da Conferencia das Nacións Unidas sobre Urbanización e Desenvolvemento Urbano Sustentábel. Os traballos desta edición, que se  celebra cada 20 anos desde 1976, parten do principio de que para 2050, pouco máis de 30 anos, dúas de cada tres persoas residirán en hábitats urbanos. 

Durante a conferencia Hábitat III,  ONU-Mulleres está a levar  a cabo varios actos públicos cos que se pretende facer evidente a necesidade do enfoque de xénero na construción da Nova Axenda Urbana de cara á construción de cidades seguras e inclusivas onde homes e mulleres poidan gozar das cidades da mesma maneira.

 "Hábitat é unha oportunidade para incluír as voces das mulleres e construír un novo planeta, un planeta 5050” afirma Lakshmi Puri.

Lakshmi Puri, Directora Executiva Adxunta de ONU Mulleres, participou da reunión do Grupo Asesor para a Inclusión de Xénero para ONU-Hábitat. Neste encontro discutíronse algunhas temáticas abordadas durante a Asemblea De Mulleres celebrada o sábado 15 en Quito. “Temos que levar o concepto de igualdade de xénero ás cidades e temos que facer que ese concepto se transforme nun exercicio diario para os e as cidadás do mundo"

No mesmo sentido maniféstase Patrícia Chaves, directora-executiva da ONU Espazo Feminista e integrante da Comisión Huairou, unha rede global de organizacións de mulleres. “Pensar nunha axenda urbana sen pensar na muller sería un erro moi grave "

Segundo Patrícia Chaves, as mulleres representan hoxe máis do 51% da poboación mundial e, a pesar diso “As mulleres están en moi poucos espazos de poder. A problemática da urbanización ten afectado sobre todo as mulleres, sexa na cuestión dos asentamentos informais, onde na súa grande maioría están as mulleres, sexa nas cuestións específicas desa relación urbano rural” 

Pensar nunha axenda urbana sen pensar na muller sería unha erro gravísimo

En declaracións a Radio ONU citou aínda os desafíos que para a muller supoñen as mudanzas climáticas. 
"Se pensarmos, por exemplo, na cuestión das mudanzas climáticas, iso impacta sobre a totalidade da vida das mulleres. Por exemplo, a escaseza de auga ten sobre as mulleres un impacto inmenso porque son elas as responsábeis de coidar dos nenos, de coidar da casa. Son elas as que cargan a auga, moitas veces quilómetros cargando auga na cabeza. Son elas as que, moitas veces,  non poden saír de casa, porque teñen que esperar que a auga chegue."

En Quito están a se desenvolver dous Hábitat III. Nun, no oficial, líderes mundiais adoptarán a Nova Axenda Urbana, que vai estabelecer padróns globais para un desenvolvemento urbano sustentábel, repensando a forma como se constrúen as cidades, como son administradas e habitadas.

No outro, no Hábitat 3 alternativo, fálase de  “construír un novo planeta, un planeta 5050” e dos valados que cómpre derrubar para o conseguir, ou polo menos para se aproximar. Unha das análises máis aplaudidas foi a realizada por Saskia Sassen, a socióloga holandesa coñecida polas súas análises dos fenómenos de globalización e migración urbana, difusura do termo cidade global, profesora na Universidade de Columbia e premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais de 2013.