Conferencia da ONU

Urbanización, un proceso global

Toquio é unha das primeiras megacidades

Entre 17 e 20 de outubro a cidade de Quito acolle a Conferencia das Nacións Unidas sobre Urbanización e Desenvolvemento Urbano Sustentábel, coñecida como Hábitat III.  

Catro mil millóns de persoas, o 54,5% de todos os habitantes do planeta, é o estimado da poboación mundial que vive actualmente nas cidades. En 1976, cando foi realizada a Hábitat I, en Vancouver, no Canadá, esta proporción era do 37,9%. Prevese que para 2050 o mundo albergue unha poboación de 9.725 millóns de persoas e que o 66 por cento resida en áreas urbanas, isto é, 6.500 millóns de persoas.

O crecemento de poboación que rexistrarán moitas cidades suporá  numerosos desafíos para elas, en canto a atender as necesidades dos seus habitantes tanto en vivenda como en infraestrutura, transporte e a provisión de servizos básicos.

Este crecemento urbano  acentuará moitos dos problemas de habitabilidade que xa hoxe existen, incluídos os derivados da contaminación e respirabilidade do ar.

Segundo o Departamento de Asuntos Económicos e Sociais da ONU (DESA), o crecemento da poboación urbana seguirá durante este século alentado por dous factores: a persistente preferencia da xente de mudarse de áreas rurais a outras urbanas e o crecemento da poboación durante os próximos 35 anos. Estes dous factores combinados engadirán 2.500 millóns de persoas á poboación urbana para 2050. Case o 90% deste incremento producirase en Asia e África, especialmente na India, na China e na Nixeria, que en conxunto representarán o 37% do aumento previsto até 2050. Asia alberga nestes momentos o 53% da poboación urbana mundial, seguida de Europa (14%) e América Latina e o Caribe (13%).

Megacidades

O informe de DESA sinala ademais que se pasou de 10 megacidades (con máis de 10 millóns de habitantes) en 1990 a 28 en 2014. Toquio é a maior delas, con 38 millóns.

Esas megacidades acollen en conxunto a 453 millóns de persoas, ou un 12% da poboación urbana mundial. Delas, 16 están en Asia, 4 en América Latina, 3 en África e un numero similar en Europa, e 2 en América do Norte. Para 2030, calcúlase que haberá 41 cidades con máis de dez millóns de habitantes.

Ademais de Toquio, Delhi acolle a 25 millóns de residentes, Xangai a 23 millóns e en Cidade de México, Mumbai e Sãao Paulo residen 21 millóns de persoas respectivamente.

Os datos revisados do informe Perspectivas Mundiais de Urbanización reflicten por outra banda que case a metade dos 3.900 millóns de habitantes urbanos actuais residen en áreas urbanas con menos de medio millón de habitantes.

Habitat III

Hábitat III é como se coñece a formalmente chamada Conferencia das Nacións Unidas sobre Vivenda e Desenvolvemento Urbano Sustentábel. É a terceira dunha serie de conferencias convocadas polas Nacións Unidas que comezaron en 1976, tendo como principal obxectivo fortalecer o compromiso político global en favor do desenvolvemento sustentábel dos asentamentos humanos, tanto rurais como urbanos. Trátase de vigorizar e pór en marcha unha Nova Axenda Urbana, mediante novos compromisos e obrigacións, establecendo unha renovada estratexia global ao redor da urbanización para as próximas dúas décadas 

A urbanización tornou un proceso global. Segundo  ONU- Hábitat, o 54,5% da poboación mundial vive en cidades. En 2050 será o 66%

Nova Axenda Urbana

Cando se ollan as estatísticas dos últimos 20 anos, "ao mesmo tempo que a urbanización estaba aumentando, a calidade da planificación estaba caendo" porque a "urbanización non se mestura ben con populismo". Son palabras de Joan Clos, alcalde de Barcelona entre 1997 e 2006, e Director executivo desde 2010 do Programa de Nacións Unidas para os asentamentos Humanos (ONU-HABITAT). Segundo o xefe de ONU-Hábitat, a conferencia de Quito é unha "oportunidade única para repensar a Axenda Urbana e que os gobernos poidan promover un novo modelo urbano de desenvolvemento que poida integrar todos os aspectos de desenvolvemento sustentábel para promover equidade, benestar e prosperidade compartida".

A urbanización acelerada, é dicir o crecemento e a economía das cidades, é un dos cambios máis transcendentais que se están producindo no noso tempo.

O transporte, o impacto ambiental, a xente, a economía, a cultura. Os desafíos dunha vivenda digna, de infraestrutura e servizos básicos. Saúde, educación e traballo. Todos estes son aspectos que conforman a vida nas urbes. Para afrontalos líderes políticos e espertos de todo o mundo daranse cita nos próximos días en Quito, Ecuador. Deberán analizar como encararon eses retos nos últimos 20 anos e definir cal será o rumbo dos próximos 20.  
Para ter éxito sen dúbida deberán considerar a serio a afirmación do informe DESA e avaliar cais son as verdadeiras razóns desa “persistente preferencia da xente de mudarse de áreas rurais a outras urbanas” porque as preferencias da xente non soen ser impulsivas e, neste caso, algo terá a ver a especulación urbanística e a construción como motor de desenvolvemento de moitas economías.