Enfermidades tropicais gañan presenza e piden reforzar a vixilancia de novas especies
Coa chegada da calor a presenza de insectos vai a máis. As molestias aumentan e o risco de contraer infeccións transmitidas por estes vectores tamén se eleva. É un problema crecente. As enfermidades zoonóticas incrementaron a súa incidencia nos últimos anos, unha evidencia que a pandemia da Covid-19, provocada polo coronavirus SARS-CoV-2, fixo máis visíbel. Desde entón, as doenzas infecciosas transmisíbeis entre animais e persoas fican baixo especial vixilancia.
"Este tipo de doenzas van cobrar máis importancia no futuro. En Occidente estanse a dar casos autóctonos de enfermidades que se consideraban inexistentes", sinala a Nós Diario o biólogo entomólogo e investigador na Universidade de Vigo Alejandro Polina González. "O dengue apareceu en Italia e Francia, onde o ano pasado rexistraron brotes importantes; tamén se deron casos de chikungunya e a febre producida polo virus do Nilo Occidental, esporádica até 2010, agora rexistra surtos tamén importantes".
O Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades rexistrou o ano pasado en Europa 1.436 casos do virus do Nilo Occidental e 304 de dengue. Os dous anos anteriores, por xunto, sumaran 201 casos.
Doenzas típicas de rexións tropicais van camiño de facerse endémicas en Europa. Esa é a impresión dentro do mundo da saúde pública e da vixilancia epidemiolóxica, sinala a este xornal Jesús Prego, xefe de Vixilancia Epidemiolóxica da Dirección Xeral de Saúde Pública. A súa proliferación está estreitamente vinculada ao cambio climático, a globalización, o crecemento urbano descontrolado, a degradación dos ecosistemas e a falta de control vectorial, unha medida que, malia a todo, vai gañando peso con programas integrais de vixilancia enfocados á prevención.
Vixilancia entomolóxica
Na Galiza, mosquitos e carrachas son os principais vectores transmisores de enfermidades. Polina González centra os seus estudos de doutoramento na presenza de dípteros vectores transmisores de doenzas así como nos factores climáticos e paisaxísticos que afectan a súa abundancia e distribución na Galiza. Desde o ano 2021 fai parte da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), constituída en 2017 "para o trampeo, recollida e posterior identificación dos diferentes vectores e novas especies", explica Prego.
Até entón non se tiñan moitos datos. Así, o primeiro foi un estudo de campo que chegou a máis da metade dos municipios do país e que confirmou a ausencia de especies invasoras. "Mais hai dous anos, en 2023, detectouse a presenza do Aedes albopictus, o mosquito tigre", sinala o investigador da UVigo. O concello de Moaña, no Morrazo, foi o primeiro en notificar a aparición deste insecto alóctono que acabou por identificarse tamén en Vigo, Redondela, Cangas, Vilaboa e O Porriño.
Agora, en 2025, a rede de vixilancia advertiu dun novo intruso. O grupo de investigación COPAR da Facultade de Veterinaria de Lugo, da USC, notificou o achado dalgún exemplar de Aedes japonicus, o mosquito xaponés, con presenza en Asturias desde 2020. A Pontenova e A Fonsagrada son os dous concellos nos que se detectou estoutro mosquito da familia dos Aedes, portadores dos virus do dengue, a febre amarela, o zika ou o chikungunya; "mais é cedo para confirmar a súa presenza no territorio", precisa Prego.
Porén, o máis abundante na Galiza é o mosquito común (Culex) transmisor, por exemplo, do virus do Nilo Occidental, moi estendido na metade sur peninsular mais sen indicios de enfermidade na Galiza. Para que exista transmisión "ten que haber unha circulación endémica do virus na natureza", explica Polina González . "O principal reservorio deste virus son as aves migratorias, e aínda que Galiza é un punto de parada, as condicións de temperatura non son tan idóneas para a transmisión como as que se dan no sur", o que non significa que o contaxio sexa imposíbel.
Fontes de preocupación
No noso territorio, a fonte de maior preocupación é o mosquito tigre, recoñece o experto en epidemioloxía. Tamén a carracha de tipo Ixodes, causante da enfermidade de Lyme, "e a carracha Hyalomma, detectada hai uns anos en zonas de Lugo e Ourense". Esta especie e que transmite a febre hemorráxica de Crimea-Congo, "unha enfermidade que causa bastante alarma e ten alta letalidade. O ano pasado detectáronse casos autóctonos en zonas limítrofes, mais ningún na Galiza".
Outras carrachas presentes no territorio son as do xénero Dermacentor e Rhipicephalus, que poden contribuír á transmisión de febre botonosa, febre Q ou tularemia. "Con todo, a doenza que máis se diagnostica e incidencia ten na Galiza, de 2-3 casos por cada 100.000 habitantes ao ano, é a enfermidade de Lyme, que actualmente non é de declaración obrigatoria, mais podería considerarse súa inclusión nunha posterior reforma", sinala Jesús Prego.
Polo que se refire ao mosquito tigre, Alejandro Polina González asegura que a súa capacidade vectorial é moi alta e "a preocupación que xera está xustificada", tamén porque "a súa viveza á hora de realizar picadas é superior á doutras especies". Mais até o momento non supuxo ningún caso nin autóctono nin importado de chikungunya ou zika. Pola contra, conclúe Prego, "si tivemos casos de dengue, 19 en 2024, todos importados e fóra de período de transmisión".
Educación cidadá, unha medida básica de prevención
A función da rede de vixilancia entomolóxica activa desde 2017 e impulsada pola Xunta da Galiza en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo "é identificar os vectores de transmisión e determinar o risco de contaxio en cada zona para decretar máis medidas ou non de saúde pública", afirma Jesús Prego.
Mentres o traballo da USC se centra principalmente nas carrachas, o da UVigo apunta aos insectos picadores da orde dos dípteros. Ademais de con mosquitos, "traballamos con xexenes, que son vectores de enfermidades do gando coma a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica, e con flebotomos, que son os que transmiten a leishmaniase a animais domésticos e seres humanos", explica Alejandro Polina González.
Os controis vectoriais, di, "amosaron ser efectivos, mais sempre se poden mellorar. Unha parte importante do noso labor é realizar campañas de divulgación e concienciación cidadá. O traballo de todos é a ferramenta máis efectiva de prevención", asegura, e destaca "o cambio de paradigma" entre a veciñanza de Moaña, coa que levan tempo en contacto. "Hai moita xente atenta para evitar a proliferación do mosquito tigre, pendentes das hortas e de non deixar auga estancada que favoreza a cría".