Enfermeiras ao límite en Ourense: "Os EPI son peores que os plásticos dos peregrinos"

"Equipos de protección" das traballadoras no Hospital de Ourense (Foto: Nós Diario).
O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita e o sindicato CIG denuncian a "precariedade" á que están sometidas as traballadoras no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. 

Enfermeiras Eventuais en Loita denuncia a "precariedade" á que están sometidas as traballadoras do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU).

O colectivo móstrase especialmente crítico coa situación referente aos EPI, que cualifican como "peores que os plásticos que levan os peregrinos. As costas quedan ao aire, parte do tórax tamén... entón o que nos dixeron e que poñamos unha por diante e outra por detrás, esa foi a súa solución".

A situación é especialmente grave, xa que as traballadoras que realizan esta denuncia desenvolven as súas funcións nunha planta con doentes positivos na COVID-19. "Nós -explican- entendemos que pode haber falta de material, pero o que non pode ser é que teñamos que traballar desprotexidas".

A carestía de EPI esténdese tamén a outro tipo de materiais, como gorros. "Temos que pedirllos aos compañeiros de quirófano, e se non teñen usamos calzas de usar  e tirar na cabeza", lamenta Enfermeiras Eventuais en Loita.

Con respecto ás mascarllas, informan de que levan empregadas "catro tipos distintos, e cada vez peores", e que as que están usando actualmente "non se adaptan" ás súas caras, polo que se senten "desprotexidas". 

"As consecuencias de todo isto -apuntan- será que nos infectemos nós, e ao propio sistema sanitario, porque ter boas EPI non é un capricho noso. Que vai ser dos doentes sen nós?".

Pola súa banda, o sindicato CIG sinala coincidir "plenamente" coas reivindicacións e denuncias do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, porque teñen constatado que levan "uns mandís moi incómodos, doutros sectores como a hostalería, de tallae moi grande ou moi pequeno, cousa que tamén pasa cos guantes, por non falar da incomodidade e o calor que provoca a acumulación de capas por usar malas EPI".

Ademais, a CIG critica o feito de que o persoal teña "que ir de habitación en habitación coa mesma bata, pasando de zonas COVID a non-COVID", co risco que iso implica. "Isto non pode continuar así", conclúen.