Enfermeiras denuncian que un terzo dos contratos son eventuais en oito áreas sanitarias

Unha concentración convocada por Enfermeiras eventuais en loita. @Mnika271
O colectivo Enfermeiras eventuais en loita fixo público un informe para denunciar a precariedade e a elevada taxa de persoal temporal na véspera da xornada de loita mensual que manteñen desde antes do verán. 

Unha de cada tres prazas de enfermeira en oito áreas sanitarias galegas traballa en precario con emprego temporal. Esta é unha das conclusións do estudo distribuído aos medios esta quinta feira polo colectivo de profesionais que levan meses organizadas para denunciar o desleixo no Sergas.

As enfermeiras advirten que os datos tirados nalgún dos distritos son máis elevados cos publicados hai dous anos polo Consello de Contas, que situaban o índice de temporalidade entre o colectivo en 40% en Atención Especializada en 28% en Atención Primaria. Con datos dun ano antes, 2016, observábase, sinalan as enfermeiras, que os efectivos de persoal fixo baixaran mentres aumentaban as interinas.

As enfermeiras elaboraron o informe con datos recollidos entre o persoal das áreas sanitarias da Coruña, A Mariña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense e O Salnés, nas que do total de 3.495 traballadoras e traballadores, 1.044 prazas corresponden a vacantes e 213 a ocos libres cubertos mediante a acumulación de tarefas.

Malia que a media reflicte unha taxa de temporalidade do 36%, en áreas como a da Coruña alcanza o 42%, en Monforte é do 39% e en Lugo, do 38%.