#12meses12loitas: Enfermeiras eventuais impulsan mobilizacións periódicas

A primeira será esta sexta feira, día 12, ás 12:00 horas. Convocan o persoal sanitario a se concentrar diante dos centros hospitalarios vestido de negro ou cunha lazada negra.

Desde este 12 de xullo os días doce de cada mes o colectivo Enfermeiras eventuais en loita realizará mobilizacións para denunciar a súa situación de precariedade e visibilizar as súas reivindicacións. #12meses12loitas é o nome que lle dan a esta iniciativa, que se porá en andamento esta sexta feira. “Reunirémonos diante dos diferentes hospitais galegos e centros de saúde con camisolas negras ou ben coa roupa de traballo e un lazo negro”. 

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, formado por máis de dez grupos locais da área sanitaria galega, publicou recentemente o Manifesto pola fin da Precariedade na Enfermaría Galega, un documento no cal arremeten contra a falta de garantías e a precariedade laboral á que se ven sometidas.

No texto, faise alusión ás trabas existentes para conciliar o traballo coa vida familiar e social, a imposibilidade de coller vacacións ou permisos laborais, ás ameazas de penalizacións nas listas de contratacións e a continua mobilidade dos servizos. Unhas condicións que perduran desde hai doce anos e que na actualidade, tal como aseguran, sofren dez mil enfermeiras.

Desde o colectivo consideran que a actuación da Administración non é a máis adecuada. Alegan que esta ten “escravizadas e sen dereitos” miles de profesionais cualificadas que non contan con contratos estábeis e ás que poden recorrer “a calquera hora do día”, dado que “se non, non comen”.