Case 90% das enfermeiras eventuais considera a súa situación como “precariedade laboral”

‘Enfermeiras eventuais en loita’ realizou entre marzo e maio centos de enquisas entre traballadoras deste servizo, unha iniciativa que naceu para responder as afirmacións do goberno galego sobre as boas condicións laborais deste colectivo. Esta segunda feira presentaron os resultados do traballo.

Case 90% das enfermeiras eventuais do servizo de saúde público galego consideran a súa situación laboral “precaria”, por apenas 2,2% que consideran que non o é. É unha das conclusións da enquisa que o colectivo de Enfermeiras eventuais en loita realizou entre o 11 de marzo e o 16 de maio deste ano e que callou en 735 enquisas válidas. “Esta precariedade palpábel polos profesionais, sumado aos datos do INE do ano 2018, que sitúan Galiza na cola de España e moi lonxe de Europa na ratio enfermeira-doente (a terceira peor autonomía), non deixan a enfermaría galega nunha boa situación”, indican desde o colectivo.

A media de contratos asinados no último ano é de 24, superando os 300 contratos a persoa que máis número deles firmou.

O informe fornece dados de interese. Como que 78,7% das persoas entrevistadas levan nas listas 5 ou máis anos, e 44,4% 10 ou máis de 10 anos. De todas as enquisadas, só 19,2% ten unha vacante ou comisión fronte 80,8% que non a teñen. Os que si teñen vacante ou comisión, levan con ela unha media de 3,2 anos. Iso si, para conseguila tiveron que pasar 12,2 anos desde que sumaron o seu primeiro contrato no Servizo Galego de Saúde. A media de contratos asinados non último ano é de 24, superando os 300 contratos a persoa que máis número deles asinou.

Outros dados que proporciona esta enquisa de Enfermeiras eventuais en loita: 89,12% das persoas enquisadas foron mulleres mentres que tan só 10,9% son homes. 73,7% non teñen fillos e a súa media de idade sitúase nos 32,2 anos (sendo 21 anos a idade da máis nova e 54 anos a do máis maior).

“Que 89% das enquisadas se consideren traballadoras precarios está en relación directa coa baixa natalidade, sempre segundo dados da Comisión Europea, polo que, darlle fin á precariedade laboral da profesión enfermeira, poderá favorecer a natalidade galega, que recordemos, está a vivir un drama poboacional e necesita de 7.000 nacementos máis ao ano para volver medrar en poboación”, indica este colectivo.