Enfermeiras eventuais denuncian que serán substituídas polo persoal xubilado que reforza a Primaria

Dúas enfermeiras en plena xornada de traballo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Satse).
"Vemos con incredulidade como se oferta un vínculo de tres meses de duración a persoal inactivo mentres nós estamos na casa á espera dunha chamada de contratación", critica o colectivo Enfermeiras eventuais en loita.

O colectivo Enfermeiras eventuais en loita emitiu na mañá desta segunda feira un comunicado de prensa no que critica a decisión do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de reforzar a Atención Primaria con persoal xubilado, unha noticia que recibiu con "incredulidade".

Esta decisión, afirman, afecta directamente o persoal de enfermaría: "Hoxe coñecemos que debido á incorporación de dito persoal xubilado moito do persoal de enfermería pasará a ser substituído por enfermeiras xubiladas".

As enfermeiras, lembran, levan toda a pandemia "loitando en primeira liña, en condicións precarias, cada día reforzando unha unidade distinta, con cambios de quendas case a diario e sufrindo contratos por días soltos".

Deste modo, critican, boa parte das e os profesionais de enfermaría serán "desprazados" a outras unidades, ou, no peor dos casos, verán "rematado" o seu vínculo laboral co Sergas.

"O enfado acentúase ao saber que hai persoas na listaxe que non temos contrato actualmente, vendo con incredulidade como se oferta un vínculo de tres meses de duración a persoal inactivo mentres nós estamos na casa á espera dunha chamada de contratación", salienta a plataforma.

Moitas das enfermeiras e enfermeiros que ten actualmente o Sergas no seu cadro de persoal, afirman, teñen contratos de "días soltos ou de semanas" desde "hai anos".

"A nefasta xestión das xerencias sanitarias permite, ademais, que cada día se nos pida dobrar quendas e facer xornadas extraordinarias a quen estamos en quenda de traballo nese momento, contribuíndo así ao noso desgaste persoal, e mentres outros compañeiros están na casa sen traballar esperando a que se lle chame para ofrecerlles unha vinculación", censuran.

Para Enfermeiras eventuais en loita, a Administración opta "unha vez máis" por "poñer un parche a unha situación insostíbel que vai acabar coa saúde dos profesionais sanitarios, no canto de arranxar a situación actual ofrecendo contratos de calidade, atallando a precariedade e ofertando a totalidade de prazas vacantes".

Unha serie de medidas, en definitiva, "que si serían eficaces para frear a fuga de profesionais, o déficit de persoal e, sobre todo e o máis importante, para poder ofrecer uns coidados dignos e de calidade ás nosas e os nosos pacientes".