A enfermeira viguesa retornada após contraer malaria evoluciona "ben" dentro da gravidade

A malaria transmítese a persoas humanas a través da picada do mosquito. (Foto: Nós Diario)
Non era a primeira vez que Candelas Varela enfermaba desta doenza, mais nesta ocasión complicouse e foi preciso inducirlle o coma para saír da República Democrática do Congo.

A enfermeira viguesa Candelas Varela, que chegou este domingo a Madrid nun avión medicalizado procedente da República Democrática do Congo afectada de malaria, permanece ingresada na UCI da Clínica Universidade de Navarra e, aínda que evoluciona "ben" dentro da gravidade do seu cadro clínico, as probas que se lle practicaron confirmaron a afectación a varios órganos.

Segundo trasladou a súa familia e máis a súa contorna, Varela segue sedada e intubada, aínda que o persoal médico prevé retirarlle a respiración asistida en "tres ou catro días" porque os seus pulmóns "ventilan mellor". "Pasou a noite ben, con todas as súas constantes equilibradas", explicou a familia.

Nas probas ás que foi sometida desde a súa chegada ao Estado español detectóuselle unha insuficiencia cardíaca, coñecida como 'síndrome do corazón roto' ou enfermidade de Takotsubo, unha miocardiopatía reversíbel, posibelmente provocada polo estrés que tivo que sufrir o seu corazón como consecuencia da "infección agresiva da malaria".

Por outra parte, tamén se observou afectación noutros órganos e seguirá recibindo diuréticos. Aliás, o equipo da clínica adaptará o tratamento con antibióticos e posteriormente repetirá as probas, ao detectarse algún "xerme resistente".

Candelas Varela comezou a notar síntomas da enfermidade após unha viaxe a Camerún e estivo en contacto coa súa familia, á que foi informando da súa evolución —non era a primeira vez que contraía a malaria— mentres estaba ingresada no hospital de Monkole, en Kinshasa, onde traballa.

Con todo, hai uns días deixou de chamar, cando a enfermidade comezou a agravarse e os médicos propuxeron á súa familia inducirlle o coma para evacuala de urxencia.

Esta enfermeira viguesa leva 25 anos traballando no Congo, onde a Fundación Amigos de Monkole desenvolve diversos proxectos relacionados coa atención sanitaria a crianzas, mulleres e persoas vulnerábeis. A organización tamén puxo en marcha unha Escola de Enfermaría ou un proxecto de creación de 'cantinas populares' para loitar contra a malnutrición, entre outras iniciativas.