A enfermaría demanda "contratos máis atractivos" ao Sergas

Dúas enfermeiras en plena xornada de traballo. (Foto: Satse)
A delegación galega do sindicato Satse di detectar unha falta de compromiso coa profesión por parte do Servizo Galego de Saúde e, en consecuencia, da consellaría e a Xunta.

Un bo número de enfermeiras e enfermeiros non está conforme co tratamento que recibe por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e xa non é a primeira vez que amosa o seu malestar por algunha actuación na que non se ten en conta a súa voz. No entanto, agora o Sindicato de Enfermaría (Satse) vai máis aló ao exixir “maior compromiso” co seu cadro de persoal e “contratos máis atractivos” para recompensar o seu traballo en xeral e, en momentos particulares, coma o de xestión da crise da Covid-19.

A central sindical con representación na Galiza sostén que este colectivo é “o motor que está a permitir ás distintas administracións sanitarias acelerar de maneira progresiva” a campaña de vacinación fronte ao coronavirus.

É só un exemplo polo que demanda “mellores condicións de traballo” para unhas especialistas que, sente, non están en igualdade de condicións coas compañeiras doutros territorios.

Satse sostivo esta segunda feira que “resulta incomprensíbel” que as xerencias de xestión integradas das distintas áreas sanitarias “estean a denegar ás enfermeiras, de forma sistemática, os días de libre disposición, permisos e mesmo vacacións aludindo á falta de enfermeiras nas listas de contratación para substitucións".

En consecuencia, lembra que a Xunta e a Consellaría de Sanidade deberían ter “medios suficientes” para substituír a esas persoas e unha opción pode ser “mellorar substancialmente as condicións dos contratos, cunha duración maior”.

"Sería un aliciente para estas enfermeiras, sen descartar outras medidas xa puxemos sobre a mesa do Sergas", destaca a representación sindical, que incide en que este grupo de traballadoras e traballadores ten moito que ver no funcionamento axeitado da campaña de vacinación da pandemia malia o risco que correu.

Valorar o traballo feito

"A capacidade e eficacia das enfermeiras e enfermeiros non ten límites, pero non hai que esquecer que levan moitos meses traballando sen descanso, ao principio, en primeira liña para atender e coidar a todas as persoas afectadas pola Covid-19”, incide.

Igualmente, fala do “exhaustivo seguimento e vixilancia das persoas en domicilio e centros sanitarios” e as vacinacións, ás que se suman “os miles de problemas de saúde que poden sufrir 47 millóns de cidadáns, polo que o cansazo e a fatiga failles cada vez” máis efecto.

Outro dos últimos desencontros dos especialistas coa Xunta foi debido a que non se contou con eles para os debates sobre o cambio de modelo da Atención Primaria no país.