As Encrobas inicia a terceira batalla veciñal contra Naturgy

Reunión das veciñas das Encrobas. (Cedida)

Após os conflitos pola mina de lignito de Cerceda e a súa conversión en lago tras o feche, veciñas das Encrobas anuncian mobilizacións contra os plans eólicos de Naturgy nos terreos da térmica de Meirama.

Máis de catro décadas despois das primeiras loitas labregas contra a mina de carbón e a central térmica de Meirama e unha década após o proxecto de encher o oco para a súa conversión en lago, a loita veciñal rexurde na parroquia das Encrobas (Cerceda).  

Desta vez, convocadas polo colectivo ‘Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas’, as veciñas e veciños mantiveron unha reunión de urxencia a pasada quinta feira no local social de Pontoxo para informar do proxecto de parque eólico de Meirama que Naturgy ─a antiga Gas Natural Fenosa─ somete a avaliación de impacto ambiental por parte da Xunta. 

Segundo o proxecto remitido ao Goberno galego, o parque eólico, formado por 15 aeroxeradores de 200 metros de altura na punta da pa, deixaría rodeada de muíños a aldea da Lousa e deixaría algúns deles a menos de 500 metros das casas. 

Sen beneficios para a poboación

O colectivo veciñal estivo a preparar estes días documentos de consideracións inicias contrarias a este parque eólico para remitir á Consellería de Medio Ambiente antes desta terza feira por parte das persoas afectadas directa ou indirectamente. 

As veciñas das Encrobas considera que o parque eólico non revertirá na poboación, senón que traerá novas afeccións «a unha zona de total sacrificio». Por ese motivo solicitan á Xunta para que elimine a comarca de Ordes do Plan Eólico Sectorial da Galiza e a Naturgy que, unha vez desmontada a central, devolva os terreos para uso público e realización de actividades sustentables, respectuosas co medio e coa veciñanza «que leva xa demasiados anos padecendo todo tipo de agravios e contaminación pola actividade industrial».