Encoros galegos, beneficio foráneo

Un dos encoros que a multinacional Iberdrola ten na Galiza (Foto: Nós Diario)
Galiza é un dos grandes produtores de enerxía hidráulica do Estado cunha capacidade de xeración de 3.738 megawatts, que representa aproximadamente o 18% da potencia total estatal. Porén, como acontece con outras fontes enerxéticas os encoros están en mans de compañías coa sede social fóra da Galiza.

A potencia hidráulica instalada na Galiza é 3.738 megawatts. Segundo os dados ofrecidos por Rede Eléctrica Española para 2020, a capacidade de xeración do país só é superada por Castela e León cunha produción de 4.399 megawatts, situándose tras Galiza, Estremadura con 2.278 megawatts. Pola contra, Cantabria, Madrid e Euskadi atópanse á cola do Estado en xeración hidráulica, cunha capacidade de produción que en ningún caso é superior a 180 megawatts.

O Instituto Enerxético da Galiza (Inega) sinala que 322 megawatts proceden da minihidráulica, isto é a xerada por centrais dunha potencia inferior a 10 megawatts e  3.437 megawatts da grande hidráulica. O complexo da grande hidráulica está conformado por 45 centrais repartidas pola totalidade do territorio galego pero cunha presenza moi destacada nas concas do Miño e do Sil.

A grande hidráulica 

O negocio da grande hidráulica está na súa practica totalidade en mans de Iberdrola, Naturgy e Endesa. Agás Xeal con 126, 8 megawatts no río Xallas, Navarro Generación con 25,6 megawatts no río Mandeo, Patrimonio Hidroeléctrico de Galiza con 12,8 megawatts no Ulla e Patrimonio do Lérez con 13,2 megawatts entre Cotobade e Campo Lameiro, o resto destas centrais hidráulicas son propiedade de Iberdrola, Naturgy e Endesa, que controlan o 92% da produción.

Iberdrola é o primeiro operador hidráulico da Galiza. A multinacional, con sede en Bilbo, conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros, téndolle renovado os Gobernos do Estado a licenza para continuar explotando diversas presas na Galiza máis alá do prazo fixado na concesión inicial. A empresa dirixida por Ignacio Sánchez Galán presenta como accionistas de referencia ao fondo soberano de Catar con 9,72%, a Kutxabank con 3,60%, a Norges Bank con 3,17% e ao fondo de investimentos estadounidense Blackroc.

O trato de favor a Iberdrola pola Xunta é obxecto de repetidas críticas por diversas organizacións e entidades galegas. A este respecto, é coñecida a presenza de coñecidos dirixentes do Partido Popular no seu consello de administración, entre eles o ministro de Interior de José María Aznar, Angel Acebes, así como a relación entre o máximo directivo da compañía , Ignacio Sánchez Galán co presidente galego, Núñez Feixoo. Precisamente, Galán, imputado por actividades ilícitas encargadas ao comisario Villarejo, vén de ser homenaxeado recentemente pola patronal coruñesa, nun acto coa presenza de Feixoo. 

Naturgy

Naturgy é o segundo produtor hidráulico da Galiza con 1.120 megawatts e 12 encoros. A mercantil, xurdida da absorción de Fenosa por Gas Natural, explota parte das centrais erguidas no seus momento por Pedro Barrié de la Maza, favorecido polas súas relación co réxime franquista. A falla de coñecer o resultado final da OPA lanzada polo fondo australiano IFM, a compañía eléctrica con sede social en Madrid está participada pola entidade financeira La Caixa con preto de 30% do capital, polo sociedade británica de capital risco CVC Capital Partners con 20%, pola GIP III Canary 1 S.A.R.L, división enerxética do fondo de investimentos estadounidense Global Infrastructure Partners con 20% e pola empresa do gas alxerina Sonatrach con 4%.

Endesa conta con 375 megawatts e 6 encoros na Galiza. A eléctrica é unha das xoias da coroa do sector público estatal privatizada polo Goberno de José María Aznar, que pasado o tempo vai facer parte do seu consello de administración. 
A sociedade, que actualmente aposta por desenvolver varios proxectos na Galiza unha vez clausurada a súa central das Pontes, ten o seu enderezo fiscal en Madrid e é propiedade de Enel, compañía enerxética italiana de capital público, que controla o 70% das accións da compañía.

O sector hidráulico é unha das formas de produción eléctrica que máis beneficios xera. Segundo sinala a Nós Diario, o membro do colectivo de debate enerxético Bidán, Fernando Branco Parga “estamos falando dunha actividade cuns beneficios que se sitúan entre o 500% e 1000% en función do prezo da enerxía. Tanto é así que a enerxía hidráulica recibe o que no sector se denominan  “beneficios chovidos do ceo”, é dicir, estas concesións tiveron un grande incremento na súa conta de resultados desde 1997 sen que repercutise en prestacións sociais nos territorios onde se construíron”.

O factor Aznar

A reforma do sector eléctrico aprobada por Aznar é chave para entender o negocio hidráulico. Así, en palabras de Branco Parga “a grande maioría das concesións fixéronse cando a retribución da produción hidroeléctrica estaba fixada polo Goberno do Estado pero desde 1997, a súa retribución xa depende do mercado marxinalista, igualándose á retribución da produción eléctrica independentemente da tecnoloxía empregada na súa elaboración”.