Os encoros da conca Miño-Sil están por baixo da metade da súa capacidade

O encoro de Cenza (Vilariño de Conso) atópase hoxe a 15% (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
A auga encorada superaba 70% en 2020 nestas mesmas datas.

Catro de cada seis encoros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil están por baixo da metade da súa capacidade, e, en termos globais, a auga encorada na totalidade das instalacións desta conca non alcanza 48%. Estes datos contrastan co nivel de ocupación rexistrado o pasado ano nestas mesmas datas, 70%, e a media da última década, que foi de 67%.

Sobre esta cuestión pronunciouse esta cuarta feira a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, Ethel Vázquez, na rolda de prensa posterior ao encontro que mantivo coas alcaldesas de Bande, Sandra Quintas; Muíños, Plácido Álvarez, e Vilariño de Conso, Melisa Macía, para abordar a situación que padecen os encoros desta conca.

Así, Vázquez amosou a súa "preocupación" ante a circunstancia "inusual" de que a auga encorada non chegue a 50% da capacidade destas instalacións, e instou o Ministerio para a Transición Ecolóxica a "aclarar" se autorizou a baixada do nivel.

Na terza feira, a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, xa alertara de que o maior encoro desta conca, o de Belesar —Chantada—, "xa non ten auga encorada e só recibe a provinte do río Miño". Agora atópase a 29% da súa cabida; o pasado mes de xuño, a 55%, un feito que Ethel Vázquez cualificou de "baleirado inxustificado" dos recursos hídricos.

Aliás, emprazou o Ministerio e a Confederación Hidrográfica —dependente do Estado— a "poren en marcha os mecanismos de control e vixilancia para garantir que o aproveitamento enerxético se realice sen afectar o abastecemento, mantemento do caudal ecolóxico, biodiversidade ou as actividades turísticas".

Para iso, sostivo, o Goberno estatal "debe concretar un nivel mínimo acorde ao contexto do cambio climático para evitar riscos ambientais e no abastecemento", e asegurou que as e os alcaldes dos municipios afectados "non foron informados" polo Ministerio destas actuacións.

Problemas na extinción de incendios

A rexedora de Vilariño, Melisa Macía, advertiu que ambos os dous encoros do seu concello —As Portas e Cenza— están a 15% da súa capacidade, unha situación que "pon en perigo o Macizo Central, porque en caso de incendio non se poderán recargar as hidronaves".

Pola súa banda, Plácido Álvarez, rexedor de Muíños, cualificou como "mala" a situación do encoro de Salas —27%—, xa que "non permite gozar da contorna". O das Conchas, en Bande, atópase a 44%.