Xustiza

O voto particular na sentenza do Supremo que avala a prórroga a Ence pedía anulala por "danos irreversíbeis"

A factoría de Ence en Pontevedra vista desde a praia de Lourido. (Foto: Xaquín Soliño)
"A prórroga afecta usos incompatíbeis co dominio público marítimo-terrestre", defendeu a maxistrada que se pronunciara en contra da legalidade da prórroga concedida por Mariano Raxoi á pasteira.

A maxistrada que emitiu voto particular na sentenza que avala a prórroga á fábrica de Ence na ría de Pontevedra considerou que se debía ratificar a decisión da Audiencia Nacional de anular esta concesión, decisión que xustificou aludindo ao "dano irreversíbel" da actividade da planta de celulosas no litoral sobre o que se asenta.

No fallo, que se deu a coñecer esta cuarta feira, esta xuíza advirte de que "non pode esquecerse que a prórroga extraordinaria da que aquí se trata, que [...] afecta usos incompatíbeis co dominio público marítimo-terrestre, ten unha duración de até 75 anos que se superpoñen aos 30 anos que derivan do réxime transitorio da Lei de Costas de 1988". "En supostos como o de autos, engadiríanse, ademais, ao período que vai desde o outorgamento da concesión, en moitos casos para mediados do século XX ou mesmo antes", precisa a maxistrada.

Sobre esta "extensión temporal", lembra no seu voto particular, "chamou a atención o Consello de Estado". Así, apunta a un ditame co que advertía de que "vai acabar producindo un sistema transitorio dun século de duración, co impacto potencialmente irreversíbel sobre estes ecosistemas tan delicados", o que "pode facer irreversíbel o dano causado" ao dominio público marítimo-terrestre, "impedindo a súa conservación e a sustentabilidade do seu uso ou xerando enormes custos a longo prazo na súa rehabilitación ou restauración, coas consecuentes consecuencias económicas que un principio de valorización a curto prazo impide previr".

Estas "razóns" enténdeas a maxistrada "máis que suficientes para ser tidas en conta" na interpretación que propón "en harmonización dos diversos valores e bens constitucionais en xogo".

Hai un mes transcendeu que a sección quinta da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo estimara os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga que determinaba a continuidade da factoría na ría de Pontevedra até o ano 2073.

En concreto, a resolución, autorizada con data de 20 de xaneiro de 2016, cando Mariano Raxoi dirixía o Goberno español, outorgaba a Ence unha prórroga de 60 anos —a contar desde a data de solicitude, en 2013— da concesión de ocupación dunha franxa de dominio público marítimo terrestre destinada á pasteira de Pontevedra.

A sala considera en conxunto que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988, como é o caso, "sempre que consten informes ambientais favorábeis". No asunto analizado, xustifican os maxistrados —alén da que emitiu o voto particular—, "constaban informes favorábeis da Administración nesa materia".