Ence, premio á Excelencia Química Empresarial polo seu compromiso cun "negocio sostíbel"

O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
O Colexio Oficial de Químicos da Galiza recoñece o proxecto empresarial da factoría, baseado di, "na protección das persoas e o medio ambiente en procura do beneficio da Galiza".

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, entregou este sábado en Baiona o Premio á Excelencia Química Empresarial da Galiza 2023 á planta de Ence en Pontevedra.

O encargado de recoller o galardón foi o director territorial para Galiza da compañía celulosa, Antonio Casal, nun acto ao que tamén acudiron a directora da fábrica, Esther Couceiro Gainzo, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez, e o decano do Colexio Oficial de Químicos de Galiza, Manuel Rodríguez Méndez.

O máximo representante dos químicos da Galiza entregou tamén neste acto o galardón de Colexiado Distinguido da entidade ao catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Alberto Arce Arce.

Ausencia de críticas

O Premio á Excelencia Química Empresarial de Galiza, que todos os anos outorga o Colexio Oficial de Químicos da Galiza, recaeu este ano na factoría de Ence en Pontevedra por "establecer procesos acordes co seu compromiso no desenvolvemento dun negocio sostible baseado na protección das persoas e o medio ambiente e en procura do beneficio de Galiza".

O colexio de químicos, como argumentos para a concesión do premio, valorou o modelo de produción da factoría, "enfocado en minimizar os efectos no cambio climático a través da fixación de carbono nos seus bosques e no emprego da biomasa como fonte xeradora de enerxía renovábel na súa biofábrica de celulosa".

Antonio Casal, en nome de todos os traballadores da planta pontevedresa, agradeceu o recoñecemento dos químicos galegos. "Este premio é testemuño do esforzo e dedicación no camiño pola excelencia e supón un impulso para mellorar cada día", dixo Casal.

O máximo directivo de Ence na Galiza comprometeuse ante os químicos galegos "a seguir sendo líderes na industria química".

Ence, fóra da ría

Porén, as denuncias contra a papeleira por contaminación e dano ambiental mantéñense. O Concello de Pontevedra e a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) reivindican a saída de Ence de Lourizán para favorecer a recuperación do ría e da contorna natural sometida ao impacto da pasteira.