Encausados na 'Operación Jaro' denuncian o "veto" do Concello de Noia a unha palestra na Casa da Cultura

Afirman que o goberno local, do PP, lles comunica a última hora que denega a Casa da Cultura para o acto, embora tela solicitado o 8 de abril.

Os independentistas encausados na 'Operación Jaro' denuncian que goberno local de Noia, do PP, lles denega a Casa da Cultura da vila para unha palestra, o que se lles notificou vía telefónica 48 horas antes da realización da mesma, prevista para este sábado ás 19:00 horas, embora que a solicitude para o seu uso se presentase o 8 de abril, hai 3 semanas. Fontes dos organizadoresdo acto indican que a Casa da Cultura é unha instalación municipal de uso público e que en anteriores ocasións acolleu palestras e actos independentistas e anti-represivos sen problema.

“A nosa sorpresa foi recibir unha chamada dunha funcionaria municipal que, por teléfono, e sen existencia de documento administrativo, notificaba denegación de solicitude”, afirman desde este colectivo, que consideran que nesta decisión da alcaldía hai unha “motivación política”. Encomendan o alcalde a “rectificar” e manteñen a palestra para este sábado, ás 19.00 horas na Casa da Cultura. En caso de non a poder empregar, indican, realizarana na rúa, ao ar libre, e chaman a veciñanza a asistir. Desde o BNG, e vía redes sociais, puxeron a súa sede a dispor dos imputados no operativo para que poidan dar alí a palestra.