Máis de 70 axentes políticos e sociais denuncian a “montaxe xurídico-policial” contra o independentismo galego

Comparecencia no CS Gentalha das persoas encausadas, apoiadas por diversos colectivos e entidades.

As persoas encausadas na 'Operación Jaro' anuncian mocións en concellos e Parlamento contra a “ilegalización” de Causa Galiza. “Non temos nada que ocultar nin nada do que avergoñarnos”, afirman.

Máis de 70 axentes políticos, sindicais, sociais e culturais amosan o seu apoio aos 9 independentistas encausados na 'Operación Jaro' ao tempo que se posicionan contra a 'ilegalización' de facto de Causa Galiza, decretada pola Audiencia Nacional. Un apoio que fixeron público esta terza feira en Compostela os imputados polo operativo protagonizado a finais do pasado mes de outubro pola Garda Civil e ordenado polo maxistrado Eloy Velasco.

Organizacións políticas como Agora Galiza, Anova, BNG, FPG, PCPG, Podemos, Primeira Linha, MGS: ou Sortu, desde Euskal Herria, e CUP, desde Catalunya. Sindicatos como a CIG, CUT e CNT. Entidades ambientalistas (Adega, Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega...), centros sociais, colectivos feministas, organizacións sociais, agrupacións culturais, clubs deportivos.... “Unha ampla mostra do tecido que cre neste país e que se posiciona contra a montaxe xurídico-policial que sofremos”, manifestou Joam Peres, voceiro das persoas imputadas na 'Operación Jaro'.

“Queren transmitir ao pobo galego que o independentismo é terrorismo”

Tomar a iniciativa

Peres anunciou que se presentarán mocións nos concellos de Galiza para procurar pronunciamentos contra a prohiobición de Causa Galiza e a solidariedade cos encausados. Unhas mocións que, engadiu, tamén queren estender ao parlamento galego, español e mesmo europeo. “Estamos perante unha persecución político-ideolóxica impropia dun rexime minimamente democrático”, manifestou, ao tempo que anunciaban que mantiñan contactos con medios e organizacións políticas internacionais para “dar a coñecer este proceso represivo” máis aló das fronteiras de Galiza.

Trátase, en palabras do independentista, de dar “unha resposta á altura da represión” e de facer fronte ao que cualifica como unha “vulneración de dereitos civís e políticos” da cidadanía galega. Unha reflexión que partillou Elvira Souto, do Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades 'Esculca', ao apontar que a ilegalización de Causa Galiza “é unha vulneración de dereitos que non afecta só aos que simpatizan con esa organización, senón que atinxe a todos os cidadáns deste país”.

“As nosas ideas defendémolas á luz do día e sen pasamontañas. A nós detivéronnos nas nosas casas, de noite, uns tipos encarapuchados”

Mártires de Carral

A comparecencia neste 26 de abril, aniversario dos Mártires de Carral, non foi unha coincidencia. Deixárono claro desde o primeiro momento as persoas encausadas, que afirman que no auto da Audiencia Nacional  recóllese que as homenaxes aos fusilados en Carral en 1846 proban que “conformabamos un “entramado” para “enaltecer, xustificar e promocionar o terrorismo”. “Hoxe é 26 de abril e hai moitas homenaxes por todo o país, supoño que Velasco [o xuíz da AN que leva o proceso] terá todos na axenda”, ironizou Peres. Elvira Souto, de por parte, informou, “por se lle interesa á Audiencia Nacional”, que esta fin de semana tomou parte nun acto de conmemoración da Batalla de Cacheiras [decorrida na Revolución galega de 1856].

Os 9 encausados na 'Operación Jaro' fan fronte a acusacións de pertenza a banda armada (de 6 a 12 anos de prisión) e de enaltecemento (de 1 a 3 anos). “Non temos medo nin imos baixar a cabeza. Estamos perante un tribunal de excepción por defender os dereitos nacionais de Galiza”, explicou Peres, que dixo que con este operativo oque se procura é “transmitir ao pobo galego que independentismo é terrorismo”.

As razóns

Para estes 9 independentistas, a operación da Audiencia Nacional debe ser interpretada nun contexto de crise do modelo territorial e do propio sistema político e económico xurdido da Transición ao tempo que se dá un proceso independentista en Catalunya e “un incremento da conciencia nacionalista” en Galiza. Perante iso, denuncian, o Estado responde a través das “criminalización” e da persecución. Unha mostra desa teima do Estado sería, indican, que a raíz do operativo dous dirixentes do BNG tivesen que declarar na Audiencia Nacional simplemente por manter en 2013 unha xuntanza política con Causa Galiza.

No acto que decorreu esta terza feira participaron, en solidariedade para coas persoas encausadas, representantes de diferentes colectivos e entidades, como o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, o ex-portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ou o secretario xeral do PCPG, Xosé Collazo, entre outros. Tamén estiveron na comparecencia escritores como Sechu Sende ou xornalistas como Luca de Tena, para alén de representantes de centros sociais, entidades estudiantís, colectivos deportivos e sociais... 

Asinantes:

Organizacións políticas: Agora Galiza, Anova-Irmandade Nacionalista, Anticapitalistas Galiza, BNG, Briga, Cerna, Coletivo Nacionalista de Marín, Colectivos de Mocidade Comunista, Galiza Nova, MGS, PCPG, Primeira Linha, Podemos, Isca, Xeira.

Organizacións sociais: A Riada do Tea, Açom Rabuda, Asociación de solidariedade galego-cubana Francisco Villamil, Ceivar, Colectivo Terra, Comité anti-represivo do Condado, Comité de solidariedade com as retaliadas políticas (CSRP), Comité de solidariedade com os presos políticos, Grupo de Acción Social (GAS) de Vigo, Movemento polos Dereitos Civís, ODS de Coia, Que Voltem para a casa!, A Ria non se vende, Touradas fóra de Pontevedra, Vigo contra a represión, Xebra.

Deportivas: Afiadoras de Fútbol gaélico, Jimmy Sempre con nós, Asociación de Luita Livre Olímpica Alacram Vermelho (Porriño), Colectivo Nós (seareir@s do Celta), Riazor Blues, Siareiros Lugo 1953, Suevia Fútbol gaélico, 

Feministas: Assemblea feminista Ourense, Conas Ceives, Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG).

Culturais: Amigos da Cultura de Pontevedra, Festival das Brétemas (Ponteareas), Keltoi, Liska, Orquestra autóctona republicana A Bagunda, Poetarras, SCD O Condado.

Ambientalistas: Adega, Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega.

Centros sociais: Artábria, A Comuna, A Galheira,  Gentalha do Pichel, O Fresco, Cova dos Ratos, Faisca, Fuscalho, Gomes Gaioso, Harar, Mádia Leva, Revolta.

Sindicais: CIG, CNT

Estudiantís: Erguer, Liça-organizaçom juvenil libertária

Internacionais: Agora (León), Askapena e Sortu (EUskal Herria), CUP e Endavant-OSAN (Catalunya), Red Roja, Terra Liberada (Colectivo internacionalista galego en Venezuela)

A listaxe completa e actualizada, podes vela aquí