Encausadas na ‘Operación Jaro’ informan CCOO do proceso da Audiencia Nacional contra o independentismo

Independentistas procesadas pola Audiencia Nacional solicitaron a solidariedade do sindicato.

Encausadas na ‘Operación Jaro’, que mantén a Audiencia Nacional contra 12 independentistas galegas, mantiveron esta quinta feira unha xuntanza cunha delegación da Executiva de CCOO na Galiza. Un encontro que se enmarca no proceso de reunións e contactos que estes independentistas manteñen con axentes políticos, sociais, culturais ou sindicais para informalos de primeira man do proceso que hai contra eles ao tempo que solicitan a súa solidariedade.

“A nossa delegaçom adquiriu o compromisso de enviar a CCOO um informe detalhado em termos políticos e jurídicos sobre o desenvolvimento do processo”, indican as encausadas, que engaden que desde Comisións Obreiras comprometéronse a avaliar “nos seus órganos nacionais de decisom a possibilidade de emitir nas próximas semanas um pronunciamento público sobre um processo que pode desembocar no encarceramento de doze militantes galegos e galegas e a ilegalizaçom -”disoluçom”, em termos jurídicos- de Causa Galiza e Ceivar”.

Audiencia Nacional pide 102 anos de prisión para 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar. A Fiscalía imputa “pertenza a organización criminal para a comisión de delitos de enaltecemento do terrorismo”. Pide a disolución de ambas as dúas organizacións.