En vigor unha Lei de Montes ''fortemente regresiva'' que abre as cancelas á especulación

A capacidade de intervención da Xunta fica rebaixada, deixando a xestión do monte en mans dos mercados, e o texto devolve para o caixón avances importantes alcanzados na xestión do monte, como a participación pública efectiva --máis aló da consulta--, a custodia do territorio e a multifuncionalidade do monte. O PP quitou adiante a norma no Parlamento só cos seus votos

O DOG --Diario Oficial de Galiza-- vén de marcar a entrada en vigor da Lei de Montes, que na práctica suporá a modificación "pola porta de atrás" da lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Esta norma, aprobada polo goberno bipartito, foi mudada en 43 dos seus alicerces fundamentais até ficar "practicamente baleira de contido".

Ollando o informe do Consello Económico e Social citado pola asociación ecoloxista Adega na valoración que fan da norma, non existe unha base técnica que xustifique a redución das distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas --de 50 a 30 metros--; nin os anos en que se limita o aproveitamento dos terreos queimados --de 3 a 2 anos--. O mosaico de parcelas elimínase, así como a prohibición de estabelecer masas monoespecíficas de máis de 25 e 50 hectáreas continuas, para alén de se abrir a posibilidade de forestar terras agrarias. Todo isto para servir o monte galego en bandexa ás grandes empresas que fan negocio cos cultivos enerxéticos.

Todo estes cambios normativos chegan parellos do recorte en persoal do servizo de extinción de incendios e nos orzamentos para prevención. Así as cousas, non só se desregula a protección contra os lumes, senón que esta lei, xa en vigor, é "fortemente regresiva". Consideran desde Adega que "non se adapta á realidade do noso territorio". A capacidade de intervención da Xunta fica rebaixada, deixando a xestión do monte en mans dos mercados, e o texto devolve para o caixón avances importantes alcanzados na xestión do monte, como a participación pública efectiva --máis aló da consulta--, a custodia do territorio e a multifuncionalidade do monte.

En relación con este último punto, o Goberno galego vén de tirar adiante unha norma que non é integral, pasando por riba da vertebración social e territorial que o monte supón no noso país, ao non posuír ligazón cos eidos agrogandeiro, cultural, social e agroecolóxico. Nada se di tampouco de como conservar a riqueza natural da Galiza, nin de como atallar pragas que están a proliferar, como o gorgullo do eucalipto, que puxo de plena actualidade a loita contra o agrocidio que pretende a Xunta: fumigar os eucaliptais cun praguicida prohibido na UE pola súa elevada toxicidade.

A publicación no DOG é o derradeiro paso até a aprobación efectiva da lei, que saiu adiante no pleno do Parlamento o 26 de xuño cos votos do PP, e que foi rexeitada por unha oposición que lle dedicou os cualificativos de "privatizadora" (BNG) e "incendiaria" (PSOE). Mais a Xunta non ouviu tampouco os berros da propia cidadanía. Contáronse por centos as persoas que o 9 de xuño sairon en defensa do monte galego.

Convocad@s pola Organización Galega de Comunidades de Montes, entre os puntos da lei que máis rexeitamento xeran entre os manifestantes están o de abrir a porta á “usurpación” de montes veciñais para a xestión por empresas privadas; ou ben que a administración deixará de ser a que faga os deslindes; así como aquelas medidas que, “na práctica, van supoñer derogar a lei de prevención de incendios”. Mais había máis motivos para estar en contra desa lei, apuntaron desde o colectivo organizador, como a de que se acabe equiparando ás comunidades de montes con empresas privadas, ou a aposta do goberno autonómico por unha visión meramente produtivista do monte que favoreza monocultivos frente a un monte sustentábel e multifuncional.