VIVIR DO AGRO?

A Xunta ispe o rural galego e déixao ás portas da beneficencia

Labrego nos Ancares
A aprobación do proxecto de Lei de Montes de Galiza por parte do PP en solitario, botando man da súa maioría absoluta, asina outra sentenza de morte para o agro e pon en xaque o dereito á soberanía alimentar

'Se gobernan, pódenche quitar as túas terras e darllas a outros'. Con esta ameaza impresa, referida ao Banco de Terras posto en marcha durante o Goberno bipartito e co BNG na consellería do Medio Rural, o Partido Popular repartiu pasquíns no concello de Celanova durante a campaña electoral do 2009, que culminou coa dereita outra vez na Xunta. O Banco de Terras diluíuse naquela maioría absoluta.

Desde aquela, o reproche feito á formación frontista naqueles pasquíns baila ao son dos instrumentos lexislativos que toca Núñez Feijóo para desregularizar o rural e presentar o territorio galego como unha oportunidade de negocio. Así, tras a traxedia nas Fragas do Eume --un parque natural declarado en 1997, mais que carece dun Plan Forestal e dun Plan de Usos e Prevención--, que deixou ao descuberto a situación de abandono na que se atopa o monte, nos últimos días o PP deu luz verde en solitario ao proxecto da Lei de Montes de Galiza, unha norma que consolida medidas que xa provocaron a perda de 6.600 postos de traballo e a diminución  da facturación, en 700 millóns de euros no 2010, no conxunto do sector forestal. Canda isto, e fronte ao fomento dunha nova política de aproveitamento do monte, o PP ábrelle a porta aos cultivos enerxéticos --como o eucalipto--, pondo así tamén en xaque o dereito á soberanía alimentar do pobo galego.

''A riqueza de Galiza non será recoñecíbel en 20 anos''
"Levamos moitos anos a improvisar, mais non sabemos realmente o que temos no mundo rural; non hai un inventario para ver como planificarmos o seu aproveitamento histórico, social e económico", di Anxo Pérez Carballo, secretario de Medio ambiente da CIG. O sindicalista repasa unha a unha as leis que atentan contra ese aproveitamento que demanda. E non son poucas: a Lei de Montes, a Lei de Caza, a modificación da Lei de prevención de incendios, a Lei de Augas... "A riqueza que ten Galiza non será recoñecíbel dentro de 20 anos", láiase Pérez Carballo, que aproveita para lembrar a concentración parcelaria que está a facerse en Ourense, "planificada hai dúas décadas e nunha zona hoxe arborada onde ninguén cotiza á agraria".

Coa idea de que o obxectivo da Xunta é facer do agro galego "un polígono industrial onde a industria madeireira e enerxética saquen o maior proveito posíbel" concorda Xosé Carlos Morgade, presidente da Plataforma que aglutina as comunidades veciñais de montes en mancomún. Ao seu entender, o único xeito de evitar a entrega en man do rural ás multinacionais é manter os esquemas tradicionais da xestión, onde o pobo segue a ser o propietario do monte "e o único que pode decidir sobre a súa xestión, sostíbel, baseada na produción para a economía local e na creación de emprego".

En definitiva, un modelo ligado á soberanía alimentar, unha loita que a Vía Campesiña atribúe directamente ás mulleres ao ser elas as reponsables da produción do 80% dos alimentos no Mundo --paradoxicamente son tamén as máis afectadas pola fame-- e ao teren unha visión da agricultura e da gandeiría como fontes para o sustento familiar, destinando ao mercado unicamente os excedentes. Por isto mesmo, Anxo Pérez recoñece que "se conseguimos darlle a este país unha revalorización do rural, a muller tería un papel importantísimo".

Ela traballa, el cotiza
Ao mercado de Compostela leva Pilar Vispo os excedentes da súa horta ecolóxica. Esta gandeira de Vila de Cruces, sindicalista da Federación Rural Galega --FRUGA-- leva tantos anos nos eidos que xa perdeu a conta. "Uns quince", calcula entre risas. Daquela posuía xunto coa súa parella unha explotación gandeira con vacas de leite que el herdara dos pais. Ela traballaba. El era o titular. Esta situación foi 'normal' en Galiza até o 2004: os homes traballaban fóra da explotación, mais eran os titulares porque eran os que gañaban máis cartos. Un decreto, herdado do franquismo, recollía que para cotizar á Seguridade Social por actividade agraria, esta tiña que ser a principal fonte de ingresos da familia. Así, coa última reforma na man, só o 5% das mulleres poderá xubilarse cos 35 anos cotizados. Durante a etapa do Bipartito redactouse unha norma pola que a explotación familiar recibiría unha axuda de 2.000 euros para incorporar ás mulleres á cotitularidade. A lei fica sen desenvolver.

Aínda así, Vispo non se queixa. "Cando se produciu a nova asignación de cotas, vimos que non tiñamos cota dabondo" e decidiron deixar a produción leiteira para montar unha explotación con vacas de carne e unha horta ecolóxica. Nun momento no que producir en ecolóxico está 'de moda', esta gandeira é moi crítica, e ten para todas: "non gosto de quen sobe ao carro do negocio, pondo en perigo o dereito que temos a comer sano. Os prezos teñen que ser os que cubran os nosos custos e deixen unha pequena marxe, aínda que tamén está a pexa de que a xente despois vai xantar a un restaurante e aí non ve que os prezos sexan caros. Queremos vivir dignamente do noso traballo, só iso".

E "iso" non é pouco se se toman en conta as constantes agresións ao agro galego executadas "desde a propia Administración, que esquece a laboura social que debe ter esta actividade". Fala outra vez Xosé Carlos Morgade no nome das comunidades de montes veciñais, quen sostén que manter a poboación no rural "é un obxectivo inútil con este goberno do capitalismo dos beneficios".

Morgade bota man da retranca para advertir ao Goberno de Núñez Feijóo de que "os veciños --e as veciñas-- teñen unha cousa moi rara: sentido común. Queren beneficios, mais non están dispostas a pór en perigo a súa maneira de vivir". Este é, segundo explica, o veto que a industria madeireira atopou até o de agora nas terras en man común, a falta de seguridade xurídica, ao residir a xestión deses montes na comunidade veciñal. Mentres, Anxo Pérez, da CIG, chama á mocidade a volver traballar a terra para evitar que se faga realidade o augurio de Samuel Juárez, que foi titular de Medio Rural e hoxe é delegado do Goberno español en Galiza: "dixo que o agro estaba condenado á morte, que só se podía prolongarlle a agonía. Cada agresión está encamiñada a esa morte, e hai que pararlles os pés".