Empresa familiar de Córdoba “pretende furar” o Macizo Central cunha hidroeléctrica, denuncia Adega

Iberdrola e Naturgy tamén presentaron varios megaproxectos no Macizo Central e A Limia.

A asociación ambientalista Adega informa que o Ministerio  somete a consultas previas a solicitude dunha empresa,  "Santa Eulalia Energía S.L.",  para construír unha central de bombeo en caverna de 160MW na Veiga, en pleno Macizo Central.

“Non é o único proxecto de central de bombeo en tramitación”, apuntan os ambientalistas, que lembran que “ tanto Iberdrola como Naturgy presentaron varios megaproxectos no Macizo Central e A Limia para "aproveitar excedentes de produción de renovábeis non xestionábeis", isto é, acumular a enerxía dos eólicos non colocada no mercado, mais tamén das nucleares.

“A febre do megavatio entra nunha nova fase especulativa. Agora abonda con fundar unha empresa con 3000 euros, presentar un proxecto hidroeléctrico para furar o Macizo Central e, de prosperar, facer caixa revendendo a concesión”, critica Adega.

Desta volta, afirman, a central hidroeléctrica promovida pola empresa Santa Eulalia Energía S.L. pretende conectar os encoros de Portas e Santa Eulalia, na bacía do Xares mediante túnel e a escavación dunha central soterrada baixo o Macizo Central. “As obras precisarán tamén da apertura de quilómetros de pistas, canteiras e vertedoiros, alén da correspondente liña de evacuación eléctrica”.

Adega sostén que as obras da proxectada central atinxen un territorio incluído na proposta de ampliación da RN2000 que comezou a tramitar a Xunta no ano 2008, concretamente ao alongamento da ZEC Macizo Central.

Adega di que o promotor xustifica o proxecto atendendo ao "Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2021-2030" para acadar os obxectivos de redución de emisións e penetración das enerxías renovábeis.

“Porén, esquece que no que atinxe ás actuacións derivadas do plano que se desenvolvan en masas de auga, como os bombeos hidráulicos, o PNIEC recolle de xeito textual que "os bombeos hidráulicos terán que cumprir o disposto no plano hidrolóxico e en todo caso situaranse fóra da Rede Natura 2000 e/ou espazos protexidos, por canto son proxectos con impactos moi importantes como modificacións morfolóxicas de canles e ribeiras, así como perda de biodiversidade".

“Como nos tempos do fraguismo coas concesións das minicentrais hidroeléctricas, as leis do mercado e as Administracións cómplices están a provocar unha tola carreira por facerse cos mega vatios, na que tamén hai sitio para as "pymes".

“No caso deste proxecto, a empresa promotora non é unha grande eléctrica como Iberdrola ou Naturgy con varias centrais similares en tramitación en Galiza, senón Santa Eulalia Energía S.L. constituída en setembro de 2020 con 3.000€ de capital. É parte dun profuso novelo empresarial con sé nun polígono industrial de Córdoba, propiedade da familia López Magdaleno, con actividade no sector da consultoría enerxética, participación e xestión de capitais, mesmo "offshore", di Adega.