O empeoramento da pandemia obriga a trasladar dous pacientes con Covid-19 de Ferrol a Lugo

O plan de continxencia do Sergas contempla a colaboración entre centros sanitarios. (Foto: Europa Press)
O Sergas admite que o protocolo de colaboración non é novo e busca "deixar marxe" ante o posíbel empeoramnto de doentes xa hospitalizados e a chegda de novos enfermos.

Dous pacientes ingresados na Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol foron trasladados este sábado ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, segundo fontes do Servizo Galego de Saúde.

Os dous afectados pola Covid-19 mudaron de área sanitaria para seren atendidos no HULA e "deixar marxe nos unidades de críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) ante o posíbel empeoramento dos pacientes xa hospitalizados neste distrito" e a necesidade de coidados sanitarios de novas persoas enfermas, explicaron desde o Sergas.

Plan de continxencia

Esta relocalización de doentes con coronavirus non é a primeira. A anterior vez ocorreu o 15 de novembro. Entón o Sergas tamén acordou derivar un paciente con coronavirus a Lugo, coincidindo coa aparición dun surto no Hospital Arquitecto Marcide. E súmase á suspensión de cirurxías non urxentes que tamén afecta ás áreas da Coruña e Santiago.

Desde a área sanitaria de Ferrol inciden en que "o protocolo de colaboración entre centros sanitarios do Sergas está contemplado no plan de continxencia relacionado coa Covid", polo que botan man man del cando é necesario.

96 hospitalizados, 13 en UCI

Segundo o último balance da Consellaría de Sanidade, a área sanitaria de Ferrol rexistrou nas últimas 24 horas un incremento das hospitalizacións. Recibiu sete ingresos novos, catro en UCI e tres en planta. En total suma 96, seis dos cales son pacientes críticos.