As emisións de gases de efecto invernadoiro descenderon en 36% entre 1990 e 2020, mais segue sen ser suficiente

A central térmica de Meirana, en Cerceda, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Servizo Ilustrado / Europa Press)
Para cumprir cos obxectivos climáticos de cara a 2030 a Galiza debería reducir as emisións, cando menos, en 65%.

O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) vén de presentar o informe As emisións de gases de invernadoiro en Galicia (1990-2020), con base nos datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica referidos ao país. O documento evidencia unha redución considerábel destas emisións.

Así, os gases de efecto invernadoiro superaron os 18,6 millóns de toneladas en 2020, unha cifra, porén, que supón unha mingua de 35,9% en comparanza coa situación de tres décadas atrás.

Mais os datos que recolle o Ogacli non abondan aínda: para contribuír á meta de limitar o quecemento global a 1,5 graos centígrados a Galiza "debería diminuír as súas emisións cando menos en 65% en 2030".

" A Xunta elevou recentemente o seu obxectivo a 55%, mais non concretou aínda unha folla de ruta para o lograr, a través da revisión da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050", subliñan desde a entidade.

Aliás, poñen o foco en que "só en 2019 e 2020 as emisións galegas ficaron nidiamente por baixo dos niveis de 1990", e as razóns, precisan, "foron o colapso da xeración eléctrica con carbón e o forte decrecemento económico en 2020 derivado da Covid-19".

Neste senso, indican que foi fundamental a "desfosilización" do sector enerxético, que baixou as súas emisións en 11,5 millóns de toneladas, isto é, 78%. No proceso a chave foi a remuda da electricidade proveniente de centrais de carbón pola procedente de fontes renovábeis, así como a suba do prezo das emisións de CO2 no mercado europeo nestes últimos anos.

"A aceleración da transición enerxética, a través tanto da redución da demanda como dun crecemento socioambientalmente axeitado das enerxías renovábeis, segue a ser a principal vía para afondar na redución de emisións de gases causantes de cambio climático", inciden.