Medio Ambiente

As emisións á atmosfera na Galiza aumentaron en 2021: "Aínda estamos lonxe de cumprir o Acordo de París"

O transporte foi a principal causa do incremento da contaminación en 2021. [Foto: Nós Diario / Gráfica: Ogacli]
O Ogacli constata unha "baixada xeralizada" das emisións á atmosfera na Galiza, se ben esta é "insuficiente para contribuír con xustiza á mitigación da crise climática global e lograr unha boa calidade do aire acorde coas recomendacións da OMS".

O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) presenta esta quinta feira o informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2021), que complementa outro anterior centrado nas emisións de gases de invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático. Ambos os dous, precisan desde a entidade, baseanse nos datos para Galiza do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica. E entre as súas conclusións salientan a "repunta no consumo de combustíbeis fósiles no transporte" como a "principal causa" do aumento das emisións á atmosfera en 2021 con respecto a 2020, ano moi marcado neste senso polas restricións derivadas da crise sanitaria da Covid-19.

As emisións de GEI aumentaron 3,3%, salientando a suba de 19,9% das procedentes do transporte, segundo as cifras achegadas polo Ogacli. Tamén medraron as emisións de gases precursores do ozono 'malo' (+9,6%), gases acidificantes (+0,4%) e partículas finas PM2,5 (+14,9%). Considerando individualmente cada un dos contaminantes, salientan o incremento das emisións de monóxido de carbono (+33,8%), partículas finas (+14,9%) e óxidos de nitróxeno (+10,2%). Tomando como referencia 1990, ano de inicio da serie de datos oficiais, o Observatorio constata unha "baixada xeralizada" das emisións á atmosfera na Galiza, se ben esta é "insuficiente para contribuír con xustiza á mitigación da crise climática global e lograr unha boa calidade do aire acorde coas recomendacións da Organización Mundial para a Saúde (OMS)".

Emisións de gases de invernadoiro, precursores de ozono e acidificantes (Indice 1990=100). [Fonte: Ogacli]

O informe constata que as emisións de contaminantes atmosféricos reducíronse en maior medida que as de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. As de gases acidificantes reducíronse en 2021 por volta de 82,1% e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo, en 47,9%, sempre en comparación co ano 1990. Pola súa parte, as de partículas finas baixaron 57,1% en relación a 2000 —non hai datos para o período 1990-2000—. Porén, precisan, as emisións de GEI só minguaron 34% con respecto a 1990.

"Polo tanto, aínda estamos ben lonxe do obxectivo de 65% que se debería acadar xa en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París. Tamén resta moito para cumprir o obxectivo da Xunta para 2030, estabelecido en 55%, se ben pendente de plasmación nunha actualización da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía que se está a atrasar moito", lamentan desde o Ogacli.

As causas principais da redución global das emisións á atmosfera no país durante as últimas tres décadas foron a substitución do carbón na xeración eléctrica e as melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e das propias centrais de carbón, sinalan. "O abandono do carbón na produción eléctrica, consumado en outubro pasado co apagado da central das Pontes, foi o maior logro climático na Galiza até o día de hoxe, con consecuencias tamén positivas para a calidade do aire", subliña a entidade.

Emisións de óxidos de nitróxeno (NOx), amoníaco (NH3) e óxidos de xofre (SOx). [Fonte: Ogacli]

E, "contrariamente ao que acontecía en 1990", o sector enerxético xa non é na actualidade a maior fonte de contaminantes atmosféricos. O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2021 a principal fonte de gases acidificantes (65,2% das emisión totais), mentres que o transporte liderou as emisións de gases de invernadoiro (26,2%) e de gases precursores do ozono malo (39,1%). No tocante ás partículas finas PM2,5, a combustión non industrial —principalmente doméstica— resultou ser a maior fonte (40,2%).

As emisións de gases acidificantes do sector agrario débense principalmente ás emisións de NH3 asociadas ao uso de fertilizantes inorgánicos e á xestión dos residuos gandeiros, salientan. "Practicamente todas as emisións de NH3, que medraron 4,2% en 2021 con respecto a 1990, teñen a súa orixe na produción agraria e gandeira. Pola contra, as emisións de SOx e NOx diminuíron 98,5% e 48,2%, respectivamente, e distribúense entre diversas fontes", matizan.

"Tanto para mellorar a calidade do aire como para combater a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera. Para iso, resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais", acrecentan desde o Ogacli no seu informe.