Estas son as industrias máis contaminantes da Galiza
As emisións de gases causantes do cambio climático das 40 industrias afectadas na Galiza polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) medraron por volta de 5% en 2022 en comparanza cos rexistros do ano anterior. Así se desprende dos últimos datos recompilados polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli), que sinala como causa principal desta repunta a maior actividade das centrais térmicas de gas fósil e carbón e da refinaría de petróleo, algo que, subliña, "pon de manifesto a necesidade de acelerar a transición enerxética".
Só as industrias obrigadas a participaren no RCDE representan até 30% das emisións totais de gases de invernadoiro do país, e pertencen a sectores industriais intensivos en materia de emisións que son "chaves no proceso de descarbonización", lembran desde o Ogacli.
Apuntan tamén que, se ben o mercado europeo de emisións "ten contribuído a reducir as emisións industriais" desde a súa creación en 2005, certo é, á vista dos datos, que "nos últimos tres anos obsérvase unha tendencia á estabilización" nestas emisións.
A evolución das emisións por sectores en 2022 foi "moi desigual", explican, e aluden a que, en primeiro lugar, o da produción eléctrica, integrado polas centrais térmicas de gas fósil e carbón, aumentou as súas emisións en case 900.000 toneladas (+45%), "nun ano marcado polo descenso da xeración renovábel por causa da seca e do estancamento na instalación de nova potencia renovábel". Supuxeron case a metade das emisións suxeitas ao RCDE na Galiza.
Pola súa parte, a maior industria enerxética do país, a refinaría de petróleo operada por Repsol na Coruña, incrementou en 31% as súas emisións durante o pasado ano, roldando o millón de toneladas de CO2. Este é o sector con maior peso na contaminación —dentro do RCDE— após as industrias eléctricas.
Pola contra, as emisións da industria siderúrxica e metalúrxica descenderon conxuntamente en 40%, sempre segundo os datos expostos polo Ogacli, "para o que resultou decisivo a suba do prezo da enerxía", precisan. A forte diminución das emisións do sector do aluminio debeuse, aliás, á parada da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao.
No que atinxe ao recorte das emisións na fabricación de aceiro e ferroaleacións, desde a entidade atribúeno á "baixada da actividade das fábricas de Ferroatlántica en Sabón (parada en 2022 desde xuño) e de Xeal en Dumbría e Cee". Tamén a alza do prezo da enerxía influíu na redución de 20% das emisións das instalacións de combustión e das centrais de coxeración en sectores industriais non contemplados especificamente no RCDE", engaden.